PROMOCIÓN ECONÓMICA

Oito empresas creadas a partir do proxecto Equal Compostela Social reciben a cualificación de Iniciativas Locais de Emprego

26/10/2006 Oito empresas nacidas ao abeiro do proxecto Equal Compostela Social obtiveron xa a cualificación de Iniciativas Locais de Emprego (ILE). Esta cualificación concédese a proxectos empresariais de nova creación, de carácter innovador e xeradores de emprego. Destas oito iniciativas, todas menos unha están promovidas por mulleres emprendedoras.

As empresas acreditadas como ILE son as seguintes: Seiva, centro de tratamento de linguaxe, aprendizaxe e psicomotricidade; Centro de garda e custodia de mascotas A Graza; Ludoteca Gazafello; Lareira, preparación e distribución a domicilio de pratos cociñados; Darredor, deseño cultural; Lencería Corselêtte; O mundo da cor, escola de pintura, debuxo, gravado e modelado; e Xebra, gabinete de comunicación.

A cualificación como ILE, outorgada pola Consellería de Traballo, dá acceso á diferentes liñas de axuda. As achegas que se poden solicitar van desde a subvención para a posta en marcha da actividade e a creación directa de emprego ata a redución dos xuros nos créditos, pasando polo apoio á función de xerencia ou a contratación de persoal técnico de alta cualificación. Existe tamén unha axuda específica para aquelas empresas que desenvolvan unha actividade vinculada aos novos viveiros de emprego.

Desde a Concellaría de Promoción Económica e Emprego estase tramitando xa a aprobación doutras cinco iniciativas empresariais para a súa acreditación como ILE, todas elas vinculadas tamén ao proxecto Equal Compostela Social. Este proxecto comunitario está liderado polo Concello de Santiago a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, e del forman parte tamén o resto de Concellos da Comarca e outras entidades e institucións da cidade vinculadas á creación de emprego. A súa finalidade é a posta en marcha de iniciativas de autoemprego por parte dos seus usuarios.

Compartir: