ACCIÓN CULTURAL

Tres solos de danza de compañías galegas para celebrar o 175 aniversario do Principal

28/04/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá os tres solos de danza de compañías galegas cos que o Concello celebra o 175 aniversario do Teatro Principal. Véñense unir ao Rinconete y Cortadillo de Alberto Conejero que puidemos ver o martes desta semana, día propio do aniversario. Os catro espectáculos recóllense nunha publicación que a Concellaría preparou con motivo do aniversario e no que tamén se inclúen dous artigos de Pablo Tomé, arquitecto do Consorcio de Santiago, sobre a historia e curiosidades do edificio. Na rolda de prensa, a concelleira estivo acompañada por Begoña Cuquejo e Javier Martín, dous dos protagonistas dos solos que poderemos ver esta fin de semana.

O primeiro dos solos é Planificar a caída. En proceso, da compañía TrasPediante e será o venres ás 20:30 horas. Trátase dunha peza-iceberg arredor das artes do corpo, artes vivas e a danza e tamén inclúe unha mesa de debate. Con dramaturxia de Ania González e dirección de Begoña Cuquejo, Planificar a caída aborda o tema da planificación e os métodos científicos de obxectivización da realidade e o corpo.

Nesta ocasión reflexiónase acerca dos procesos de creación de solos. A través de dous mecanismos, un solo como "peza iceberg" e como mesa de traballo con axentes culturais. Mostrase así un working progress, co proceso anterior aos materiais de creación. Planificar a caída é ademais unha peza xeolocalizada na cidade de Compostela que se poderá ver a través do smartphone se se descarga HiperGeo.

Ulises e a nena durmida, de Ánxela Blanco
O sábado chega ao Teatro Principal Ánxela Blanco con Ulises e a nena durmida, unha sinfonía de corpos, voces e imaxes, inspirada na traxedia grega do heroe Odiseo. Unha deriva do mapa oficial, ao territorio propio.

A propia Ánxela Blanco, intérprete, directora e produtora da peza, fala así da mesma: "Sacrifican un año de cornos dourados para a deusa Atenea. A partida de Itaca (mapa oficial). Penélope tece e destécese endurecendo a súa sensibilidade, resistindo, pendurada. Telémaco era dunha materia tan branda que non explotou ao recibir o impacto, S.O.S. Case naufraxio de Ulises (territorio propio). Poderosa Circe. Caída do palacio. Saída da caverna".

Control, de Javier Martín
Pechamos os tres solos con Control, de Javier Martín, na xornada do domingo. Trátase dunha peza de artes do movemento que atopa as súas fugas no concepto de creador, no concepto de morte e transformación, e no caos sensible e inmanente do movemento, de como este encarna realidades, identidades ao seu pesar. Articúlase como un solo de danza versado nos rigores da improvisación a nivel de movemento.

Consta de coreografía, dramaturxia, escenografía e espazo sonoro creación de Javier Martín; deseño de iluminación da man de Octavio Más, profesional de recoñecido prestixio; e vestiario do estupendo atelier de Manolo Cremallera. É unha coprodución entre a Consultora Artibus e o novo MUN de Pamplona que se presentou en proceso no festival internacional Madrid en Danza, e estreouse en febreiro no MUN | Museo Universidad de Navarra; contou coa residencia de investigación durante o prazo dun ano no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, lugar no que se articulou un grupo de investigación transversal en artes do movemento; e coa residencia no Centro de Danza del Canal para continuar a súa creación e desenvolver expansións.

Venda de entradas
Os tres solos serán ás 20:30 horas no Teatro Principal e están dirixidos a público adulto (Ulises e a nena durmida para maiores de 14 anos). As entradas teñen un prezo de 8 euros para cada un deles. Ademais, contamos cos descontos habituais do 50% para estudantes, xubilados, menores de 25 anos, maiores de 65 anos, desempregados, familias numerosas, familias monoparentais e perceptores de rendas sociais, que poderán adquirir a súa entrada por 4 euros. Poden mercarse xa no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

Direccións relacionadas



Compartir: