ESPAZOS CIDADÁNS E MOBILIDADE

Adif comprométese a presentar en 15 días o anteproxecto da intermodal

28/04/2016 O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias presentará o anteproxecto da intermodal nun prazo de quince días, segundo o compromiso que adquiriu na reunión celebrada onte en Madrid, á que asistiu o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade. Jorge Duarte explicou que na xuntanza analizouse un primeiro proxecto, que será revisado para tratar de introducir algunhas demandas do Concello de Santiago.

En concreto, o edil solicitou unha mellor solución para o remate da plataforma peonil que conectará o Hórreo coa Pontepedriña e que finalmente, por demanda do Concello, terá 12 metros de ancho e non os 6 previstos inicialmente. Jorge Duarte explicou que "o proxecto presentado onte prevía que a plataforma rematara sen máis no viario Clara Campoamor, e nós solicitamos que se cree un verdadeiro espazo público que comunique a rúa Ulla con Clara Campoamor".

O concelleiro de Espazos Cidadáns tamén reclamou que a baixada con escaleiras "se complete cunha rampla mecánica e cun ascensor, que garanta que este acceso realmente sexa utilizado polos cidadáns". O desnivel entre a estación e o viario Clara Campoamor será duns 12 metros, e o Concello entendía que ten que salvarse con algún medio mecánico. Así, a proposta de Jorge Duarte pasa por un ascensor que "baixe desde a rúa do Hórreo 5 metros ata a estación de autobuses, e outros 7 metros para acceder á nova praza pública da Pontepedriña".

Proxecto en dúas fases
Duarte explicou que a estación intermodal executarase en dúas fases. Na primeira abordarase a construción da estación de autobuses, que lle corresponde á Xunta, e da plataforma peonil. A intención, segundo apuntou o concelleiro, "é licitar ambas partes de forma simultánea ao longo de 2017, cun prazo de execución de 24 meses". Deste xeito a plataforma e a estación de autobuses estarían rematadas a finais de 2019.

A segunda fase da intermodal executarase cando se alcancen os 3,5 millóns de pasaxeiros na estación de ferrocarril, un obxectivo que Jorge Duarte espera que se consiga nun prazo de 5 a 10 anos. O edil apuntou que será cando se constrúa a verdadeira estación para o tren de alta velocidade, "porque na actualidade hai un proxecto licitado por 19 millóns de euros que só contempla o acondicionamento da actual infraestrutura, cunha pequena ampliación e coa rehabilitación da marquesiña". Ao respecto, Duarte insistiu en que "o Concello entende que este non é o mellor proxecto, pero o importante é garantir que permita no futuro a integración da verdadeira solución ferroviaria que merece Compostela".

Nesta segunda fase, tamén se contemplaría o acondicionamento dunha gran praza na rúa do Hórreo, duns 40 metros, e dende a que se podería acceder tanto á estación de ferrocarril como á de autobuses.

Jorge Duarte defendeu de novo a decisión do Concello de agardar a que se concretara o proxecto antes de asinar o convenio presentado pola Xunta en novembro. Nese sentido, explicou que no anteproxecto presentado onte a localización da estación de autobuses varía 28 metros con respecto á proposta anterior, e polo tanto tamén se despraza a rotonda de acceso desde o viario Clara Campoamor. O edil insistiu en que "non tiña sentido iniciar as expropiacións dos terreos antes de coñecer onde vai estar cada peza da intermodal, nin tampouco como ía ser o desembarco da plataforma peonil na área de Pontepedriña".

Compartir: