INFRAESTRUTURAS

Bernardino Rama: "Das certificacións emitidas das obras do Parque de Bombeiros non se deducían desviacións"

26/10/2006 O concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, compareceu ante o Pleno municipal para informar sobre a situación das obras do futuro Parque Comarcal de Bombeiros. Indicou que as obras están paralizadas á espera do informe da dirección facultativa, que determinará cales sons as modificacións realizadas respecto ao proxecto inicial, o incremento orzamentario e se é necesario abrir ou non un novo proceso de contratación.

Bernardino Rama fixo un prolixo repaso polos trámites seguidos ata a orde paralización das obras, acordada na Xunta de Goberno do 9 de outubro e trasladada dez días despois á dirección facultativa e á empresa. En particular e a preguntas da oposición municipal, lembrou que "das catro certificacións de obra emitidas non se podían deducir desviacións".

Nestes momentos, o Goberno está á espera do informe da dirección facultativa da obra. "Despois de analizar este informe tomaranse as decisións oportunas", sinalou o concelleiro, que destacou a "transparencia" demostrada neste tema. No documento, a dirección facultativa terá que determinar o estado de execución das obras, con aclaración das partidas concretadas segundo o proxecto e as alleas ao contido do mesmo; as causas que motivaron as modificacións no proxecto, con indicación das executadas ata a data; e detalle das modificacións que se considere preciso realizar, presuposto e prazo de execución destas. Mentres tanto, as obras permanecerán suspendidas cautelarmente.

Na necesidade de agardar este dictame tamén incidiu o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, na súa intervención. Manifestou a súa "preocupación" polo desfase orzamentario, pero aclarou que "a obra executada non excede do presuposto global". Con todo, apuntou, "a vontade do Goberno é resolver este asunto canto antes mellor e acabar a obra".

O novo Parque Comarcal de Bombeiros vai dar servizo aos concellos de Santiago, Brión, Padrón, Rois, Teo, Ames, Boqueixón, Val do Dubra e Vedra. A parcela conta cunha superficie total de 6.942,41 metros cadrados. O edificio que albergará as instalacións do Parque Comarcal de Bombeiros terá unha extensión 2.386,32 metros cadrados.

O complexo disporá dun amplo garaxe, dun patio de operacións e da torre de prácticas. O garaxe conta cos 15 cocheiras para camións grandes. Sobre o garaxe ubícase o edificio principal do Parque con dúas plantas. Na baixa sitúanse, xunto a outras dependencias, as estancias e dormitorios do corpo de bombeiros. Tamén haberá un ximnasio, os vestiarios e unha sala de actos.

Compartir: