PLENO

O Pleno aprobou as ordenanzas fiscais e os prezos públicos para 2007

26/10/2006 O proxecto de Ordenanzas Fiscais para o vindeiro ano, acordado en Xunta de Goberno, foi aprobado inicialmente no Pleno municipal. Principalmente trátase dunha actualización segundo a suba do Índice de Prezos ao Consumo (IPC), fixada nun 2,9%.

Este incremento do IPC afecta a trece ordenanzas, coma o imposto sobre vehículos de tracción mecánica, taxa pola expedición de documentos administrativos, taxa do cemiterio municipal, as taxas polo estacionamento e pola retirada e recollida de vehículos de tracción mecánica nas vías públicas municipais, a taxa por postos e casetas de vendas ou a taxa pola celebración de matrimonios civís. No caso das taxas polo saneamento e depuración de augas residuais, e pola subministración de auga e conservación de contadores, tamén se actualizaron segundo o IPC fixado nos respectivos contratos.

A actualización no caso da grúa e da hora prodúcese sobre os minutos e non sobre as tarifas, para facilitar a operatividade do servizo. Ademais estabilízase a Ordenanza de recollida e tratamento de residuos.

Axústase a Ordenanza reguladora do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, posto que se amplía o prazo para a solicitude de bonificacións ata o comezo do procedemento inspector. Na taxa pola expedición de documentos administrativos faise un engadido correspondente á encadernación de documentos expedidos polo Concello.

Do total de ordenanzas, 12 foron aprobadas por unanimidade dos tres grupos municipais. Pola contra, as de saneamento, subministro de auga, estacionamento e grúa foron ratificadas unicamente cos votos do Grupo de Goberno.

Compartir: