ACCIÓN CULTURAL

Aberto o prazo de inscrición para a 13ª edición do Festival Internacional de Curtametraxes, Curtocircuíto

19/04/2016 Xa está aberto o prazo para participar na 13ª edición de Curtocircuíto, Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, que se celebrará do 3 ao 9 de outubro deste ano 2016. Todos os que queiran inscribir as súas curtametraxes poden facelo, de balde, a través da plataforma shortfilmdepot.com, sendo a data límite para facelo o 31 de maio de 2016. As curtametraxes teñen que durar un máximo de 45 minutos (títulos de crédito incluídos), deben estar rematadas con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2016 e non poderán enviarse as que xa se inscribiran no Festival en edicións anteriores.

Curtocircuíto chega este ano á súa edición número 13 sendo xa unha cita obrigada co cinema curto e un referente a nivel europeo. Como vén sendo habitual, organizaranse diferentes actividades arredor do sector audiovisual, sendo o protagonista principal o cinema. A inscrición farase a través da plataforma indicada e, malia que a participación no Festival é de balde, a plataforma aplicará un cargo variable ao usuario pola xestión da inscrición, que se poderá facer ata o 31 de maio. As curtametraxes seleccionadas (en competición e fóra de competición) serán publicadas na web do Festival, www.curtocircuito.org, aproximadamente un mes antes do comezo do mesmo.

A Sección Oficial estará subdividida en Radar e Explora, sendo a organización a que decide, en última instancia, en que sección participarán as curtas presentadas. En Radar estarán as curtas de calquera xénero e nacionalidade que marcan tendencias a escala mundial e na que cineastas experimentados convivirán con novas promesas. Explora será unha sección centrada na procura de novas caligrafías fílmicas, pezas dificilmente catalogables nun xénero que dilúen a idea tradicional do cinema mediante a exploración de sendas innovadoras.

Ademais, teremos tamén a sección Planeta GZ, que acollerá as obras galegas a competición. Enténdese por produción galega aquela na que o director sexa galego ou leve máis de dous anos residindo en Galicia; aquela producida por unha produtora galega ou aquela que polo seu contido exprese unha manifesta vocación por Galicia.

Os premios e mencións serán Premio Sección Oficial (3.000 €) e Mención ou Mencións Especiais en Radar e Explora; Premio (2.000 €) e Mención Especial Galiza; Premio do Público (1.500 €); Premio do Xurado Novo (1.000 €); Premio CREA á Mellor Dirección Galega (500 €) e Premio AGAG ao Mellor Guión Galego (500 €). Todos os premios terán unha dotación económica agás as Mencións Especiais.

Os interesados en participar poden consultar as bases e outra información de interese na páxina web www.curtocircuito.org ou na web www.compostelacapitalcultural.org, na sección de Curtocircuíto.

Direccións relacionadas



Compartir: