CONSORCIO

O libro coa correspondencia do pintor Carlos Maside entre 1928 e 1958 con intelectuais da época, finalista da I Gala do Libro Galego

19/04/2016 Acaban de anunciarse as obras e autores finalistas da I Gala do Libro Galego, os premios organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editores e a Federación de Librarías de Galicia, que se entregarán no Teatro Principal de Santiago o vindeiro 14 de maio. Na categoría de ensaio atópase, entre os catro finalistas, o libro Correspondencia (1928-1958). Cartas inéditas e dispersas. Carlos Maside, editado en 2015 polo Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos. A catedrática de Historia Mª Esther Rodríguez reuniu e transcribiu toda a correspondencia que se recolle na publicación e o coordinador da edición foi o catedrático de Filoloxía Galega Anxo Tarrío.

Carlos Maside (Pontecesures 1897-Santiago 1958) mantivo, durante toda a súa vida, unha rica e continuada relación epistolar con boa parte da intelectualidade galega do seu tempo, a do exilio e tamén a do chamado "exilio interior", como era o seu caso. O volume reúne 179 cartas do pintor, case todas inéditas, dende 1928 ata 1958. Están moi marcadas pola Guerra Civil e a longa ditadura posterior. Iluminan un período de trinta anos de relación entre amigos e personalidades nacidas arredor de 1900. Na súa lectura quedan reflectidas non só situacións conxunturais moi relevantes, senón tamén a forma de afrontalas e a evolución persoal dos seus protagonistas a medida que cambian as condicións circundantes.

Estas páxinas contan a historia íntima dun tempo e dun país. Reúnen cartas a Luís Seoane, Castelao, Federico García Lorca, Bal y Gay, Otero Pedrayo, Isaac Díaz Pardo, Cunqueiro, Paz Andrade, Fernández del Riego, Laxeiro, Manuel María, Ánxel Fole… Recóllese a correspondencia de ida, e moitas veces tamén a de volta, entre a que destaca o fecundo e prolongado intercambio epistolar con Luís Seoane.

O volume complétase coa incorporación de fotografías, ilustracións e manuscritos que nunca antes viran a luz. Parte deste material inédito procede do arquivo dos herdeiros do autor. As cartas orixinais estaban manuscritas e nalgúns casos mecanografadas.

Compartir: