ALCALDÍA

Homenaxe a Miguel Álvarez-Pardiñas, propietario da Libraría Toural

18/04/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu o acto de lembranza a Miguel Álvarez-Pardiñas, con motivo do Día Internacional do Libro. Propietario da Libraría Toural, o homenaxeado faleceu o pasado mes de febreiro á idade de 51 anos. O establecemento pechará as súas portas o vindeiro 30 de xuño.

Foi un acto sinxelo no que, ademais de Martiño Noriega, interviñeron a viuva de Miguel Álvarez-Pardiñas, Raquel Villar; a súa filla Emma e Fausto Isorna, de El Patito Editorial. Tamén participou, tocando a gaita, un rapaz, David, que ten pasado moitas horas na libraría.

No ano 1929 abriu as súas portas o quiosco do Toural. O local foi mudando de mans ata que a principios dos anos setenta, o pai de Miguel, do mesmo nome, e o seu irmán Fernando, tomaron as rendas do negocio, xa como quiosco e libraría. Miguel era alto e Fernando moi baixo, mais foi este do que se dicía que se namorara unha das dúas Marías, polo que asiduamente visitaba a libraría para velo. Ademais de pola súa colección de cómics, o quiosco destacaba por ter prensa internacional e era punto de encontro dos turistas que visitaban a cidade.

Xa nos noventa, Miguel Álvarez- Pardiñas e Raquel Villar póñense á fronte da libraría. Miguel, home moi coñecido e apreciado na cidade, abría o establecemento ás seis e media e aproveitaba a ausencia de xente a esas horas no Toural para facer fotografías da lúa, da fonte e dos edificios da praza. Pola libraría de Miguel pasaban cada día moitas veciñas e veciños, aos que sempre recibía cun sorriso e cun comentario de política ou de fútbol, e non eran poucos os que quedaban a prolongar a conversa.

Compartir: