EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Segunda xornada no Principal do XXI Certame de Teatro Intercentros

18/04/2016 Este luns celebrouse a segunda xornada do XXI Certame de Teatro Intercentros, con tres novas representacións do grupos de teatro dos centros escolares de secundaria en xornada de mañá e tarde. A cita foi no Teatro Principal, onde as representacións continuarán o luns 9 de maio, coas funcións dos grupos de primaria.

Incluído no Programa de Teatro que promove o Departamento de Educación e Cidadanía, o Certame de Teatro Intercentros dá continuidade ás actividades que se veñen desenvolvendo, con grande éxito de participación e de resultados, ao longo das anteriores edicións. O evento está organizado pola Concellería e pola Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística.

Ao principio do curso escolar constitúense os grupos, decídense as obras a interpretar, os vestiarios e o decorado, e ao longo do curso ensáianse as obras. O traballo culmina agora coa representación en funcións abertas ao público e nun escenario coma o Teatro Principal.

Calendario de representacións
A xornada deste luns abriuse con Proactors Teatro, do IES Eduardo Pondal, que representou Vén conmigo. Á tarde, quenda para Teatro do Porviso, do CPI Os Dices (Rois), coa obra Mimadriña. Pechou as representacións de secundaria un dos grupos de teatro do IES Rosalía de Castro, presentando Equus.

O domingo celebrárase a primeira quenda de representacións dos grupos de secundaria. Abriu a xornada a aula de teatro do CPI de Vedra, coa obra Ligues e outros líos. Xa pola tarde, subiu ás táboas do Principal o grupo teatral Tantometén, do IES Antón Fraguas, que representou Miserabilia. Pechou esta primeira xornada o grupo Vai no Dentista, do IES Xelmírez I, coa obra A síndrome de Wendy.

As tres representacións de primaria desta edición realizaranse, tamén no Teatro Principal, na mañá do luns 9 de maio. Abrirá a xornada, ás 11:00 horas, a Aula de 6º do Colexio San Jorge, coa obra O meu conto. A continuación (11:45 horas), subirán ao escenario os nenos e nenas de As Lupas Pictográficas, grupo de teatro do CEEPR Aspanaes Duques de Lugo, que representará O castiñeiro triste. Finalmente, ás 12:15 horas, actuará o grupo Máscara, do CEIP López Ferreiro, coa obra Mágoas de campesiños e señoritos.

Direccións relacionadas



Compartir: