CONSORCIO

O prestixioso pianista escocés Steven Osborne toca esta semana coa Real Filharmonía

18/04/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono este xoves 21 de abril, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. Levará a batuta o director franco-suízo Lorenzo Viotti.

Con tan só 26 anos, Viotti xa recibiu numerosos recoñecementos internacionais, entre eles o Premio do Festival de Mozos Directores de Salzburgo en 2015. Gañou o Concurso Internacional de Dirección de Cadaqués e o Concurso de Dirección da MDR en Leipzig en 2013. Nacido en Lausanne, creceu nunha familia de músicos franco-italiana e ten a dobre nacionalidade suíza e francesa. Estudou piano, canto e percusión en Lyon. Logo de especializarse como percusionista, estudou dirección de orquestra no Conservatorio de Viena, á vez que se perfeccionaba como percusionista tocando en varias orquestras, en particular a Filharmónica de Viena. En 2015 concluíu os seus estudos de dirección na Escola Superior de Música Franz Liszt de Weimar. Dirixiu multitude de orquestras en Europa e Asia e colabora como asistente de directores de renome como Mariss Jansons.

O concerto comezará cun fragmento do Macbeth de Giuseppe Verdi (1813-1901), baseada na traxedia homónima escrita por William Shakespeare. Foi a décima ópera do compositor romántico italiano e a primeira das obras de Shakespeare que adaptou á escena operística.

Steven Osborne ao piano
A continuación, a orquestra achegará ao público o Concerto para piano en Sol maior do compositor francés Maurice Ravel (1875-1937). A obra será interpretada polo prestixioso pianista escocés Steven Osborne. Gañou numerosos premios polos seus 22 discos, entre eles o de Instrumentista do Ano en 2013, concedido por The Royal Philharmonic Society; e dous Premios Gramophone por varias das súas gravacións. Ofreceu concertos coas principais orquestras de todo o mundo, mesmo en Xapón e Australia, colaborando cos directores máis afamados. Os seus recitais, coidadosamente executados, son aclamados pola crítica e o público. É o solista preferido das orquestras británicas.

O concerto concluirá coa Sinfonía en Re menor de César Franck (1822-1890), a obra orquestral máis famosa e a única sinfonía do compositor belga. Foi unha das súas últimas composicións, estreada un ano antes da súa morte.

Charla previa co director
Antes da celebración do concerto, o director Lorenzo Viotti manterá unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: