ALCALDÍA, EMPREGO E MEDIO AMBIENTE

O obradoiro "Ecotur Xuvenil" finaliza o acondicionamento da zona das Brañas do Sar

13/04/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e os concelleiros de Desenvolvemento Económico e de Medio Ambiente, Marta Lois e Xan Duro, fixeron unha visita esta mañá ás Brañas do Sar, acompañados do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Comprobaron o traballo que 32 persoas, menores de 30 anos e desempregadas, fixeron dende o mes de setembro e ata o mes de marzo no acondicionamento das sendas peonís de Galeras a Ponte Albar (rota dos ríos de Brañas do Sar).

O Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil é un programa de fomento do emprego xestionado polo Concello de Santiago de Compostela, no que se alternou a formación teórica e práctica coa realización dun traballo real de execución dunha obra ou servizo de interese xeral e social para o municipio. O obradoiro contou cun orzamento duns 300.000 euros.

Martiño Noriega destacou na súa intervención que "dende o Concello de Santiago somos plenamente conscientes de que os rapaces e rapazas participantes estiveron moi por riba das circunstancias e que fixeron un magnífico traballo que poderemos disfrutar o conxunto da cidadanía". Para o alcalde, "o desemprego xuvenil é un grave problema, un drama no conxunto da sociedade, porque estamos a falar da xeración mellor formada que se ve obrigada a emigrar en moitas ocasións".

O alcalde agradeceu a presenza do conselleiro de Economía e destacou que "a súa presenza é a mostra do que debe ser a colaboración institucional", un asunto no que tamén incidiu o conselleiro. Francisco Conde quixo agradecer ao Concello "a iniciativa e a colaboración" e animou a "continuar traballando nesta liña".

A concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, recordou os obxectivos do obradoiro que pasan por "mellorar as posibilidades de atopar un emprego de todas as persoas participantes, ao mesmo tempo que se recuperan espazos vitais para a nosa cidade como son o sendeiro de Galeras a Ponte Albar e as Brañas do Sar". Nese sentido, "os resultados son visibles e serán moi beneficiosos para o conxunto da cidadanía", concluíu.

O alcalde, o conselleiro de Economía e a concelleira de Emprego e Promoción económica fixeron entrega dos diplomas aos mozos e mozas participantes, que realizaron actuacións en tres especialidades formativas diferentes: Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, Pavimentos e albanelería de urbanización e Colocación de pedra natural.

O ámbito da intervención abrangueu o Val do Río Sar no treito denominado Brañas do Sar, entre o polideportivo do Sar, e as Piscinas e a Pontepedriña, xunto ao Parque do Paxonal. Así, este sendeiro, como outros, pretende colaborar ao tecido dunha rede de sendeiros no Concello de Santiago que oferte, tanto á poboación local, como aos visitantes, acceso a unhas zonas de grande beleza natural, etnográfica e cultural.

O ámbito dos ríos é de especial importancia ao drenar, de xeito natural, os desprazamentos dos camiñantes. Polo tanto, o obxecto do presente proxecto radicou no acondicionamento básico do trazado do sendeiro a nivel de labores sobre a vexetación (roza de maleza), mellora puntual dos pavimentos (drenaxes, pasos de madeira sobre regatos) e sinalización

Xardinería
Participaron 11 alumnos e alumnas que se especializaron na instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Entre os obxectivos do programa estaban executar e organizar as operacións de mellora de xardíns interiores e exteriores, controlando a sanidade vexetal e manexando maquinaria e apeiros de xardinería, ao mesmo tempo que se lles ofreceu formación en materia de prevención de riscos laborais e normativa medioambiental.

Albanelería e pedra natural
Nestes dous módulos do obradoiro participaron 21 persoas, que se formaron de maneira teórico-práctica na elaboración de pastas, morteiros, adhesivos e formigóns, instalación de saneamentos, redes de servizos e mobiliarios complementarios en urbanización. Tamén se traballou na colocación de mampostería, sillería e perpiaño, elementos singulares de pedra natural ou montaxe de fachadas transventiladas.

Orientación en materia de xénero
A situación laboral da muller segue a ser unha materia pendente no mercado de traballo no noso país, unha cuestión que tamén se abordou dende o punto de vista de xénero no obradoiro de emprego. Tratouse en catro módulos: A igualdade de oportunidades e os cambios de rol na muller e na súa estrutura familiar; As políticas de igualdade e medidas de acción positiva en distintos ámbitos sectoriais e territoriais; A muller no mercado de traballo e a discriminación que segue a existir en materia de salarios ou no acoso laboral; e A lacra da violencia de xénero e o rol da educación como clave para a prevención e a erradicación deste tipo de comportamentos.

Compartir: