EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Escolares de nove centros amosarán as súas capacidades escénicas na XXI edición do Certame de Teatro Intercentros

13/04/2016 O concelleiro de Educación, Manuel Dios, presentou o XXI Certame de Teatro Intercentros, que se celebrará os vindeiros 17 e 18 de abril e 9 de maio no Teatro Principal. Culminan así meses de ensaio nos grupos de teatro de diferentes centros de educación primaria e secundaria de Santiago e comarca.

Incluído no Programa de Teatro que promove o Departamento de Educación e Cidadanía, o Certame de Teatro Intercentros dá continuidade ás actividades que se veñen desenvolvendo, con grande éxito de participación e de resultados, ao longo das anteriores edicións. O evento está organizado pola Concellería e pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística.

Ao principio do curso escolar constitúense os grupos, decídense as obras a interpretar, os vestiarios e o decorado, e ao longo do curso ensáianse as obras. O traballo culmina agora coa representación en funcións abertas ao público e nun escenario coma o Teatro Principal.

Calendario de representacións
O domingo 17 de abril será a primeira quenda de representacións dos grupos de secundaria. Abrirá a xornada, ás 12:00 horas, a aula de teatro do CPI de Vedra, coa obra Ligues e outros líos. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, subirá ás táboas do Principal o grupo teatral Tantometén, do IES Antón Fraguas, que representará Miserabilia. Pechará esta primeira xornada, ás 20:00 horas, o grupo Vai no Dentista, do Ies Xelmírez I, coa obra A síndrome de Wendy.

Ao día seguinte, luns 18 de abril, haberá funcións doutros tres grupos de secundaria. Pola mañá, ás 12:30 horas, Proactors Teatro, do IES Eduardo Pondal, representará Vén conmigo. Á tarde (18:00 horas), quenda para Teatro do Porviso, do CPI Os Dices (Rois), coa obra Mimadriña. Pechará as representacións de secundaria, ás 20:00 horas, un dos grupos de teatro do IES Rosalía de Castro, presentando Equus.

As tres representacións de primaria desta edición realizaranse, tamén no Teatro Principal, na mañá do luns 9 de maio. Abrirá a xornada, ás 11:00 horas, a Aula de 6º do Colexio San Jorge, coa obra O meu conto. A continuación (11:45 horas), subirán ao escenario os nenos e nenas de As Lupas Pictográficas, grupo de teatro do CEEPR Aspanaes Duques de Lugo, que representarán O castiñeiro triste. Finalmente, ás 12:15 horas, actuará o grupo Máscara, do CEIP López Ferreiro, coa obra Mágoas de campesiños e señoritos.

Na rolda de prensa, o concelleiro de Educación e Cidadanía estivo acompañado de Xosé M. Rodríguez-Abella, xefe do Departamento de Educación; Sagrario Torrado, coordinadora do certame; Daniel Bahamonde, director do grupo de teatro do IES Xelmírez I; Dolores Santos, directora do grupo de teatro do CPI Os Dices (Rois); e Gustavo Dieste, director do grupo do IES Antón Fraguas.

Ademais, asistiron algúns dos mozos e mozas que participan no certame, que logo da rolda de prensa foron saudados polo alcalde, Martiño Noriega. Estiveron representados os grupos de teatro dos IES Rosalía de Castro e Xelmírez I (Santiago) e do CPI Os Dices (Rois).

Documentos relacionados



Compartir: