ACCIÓN CULTURAL

"[sic]", proxecto de Joan Morera, nova intervención da Zona "C"

12/04/2016 Este mércores 13 de abril, inaugúrase ás 19:00 horas na Zona "C" (sic), de Joan Morera Arbones, comisariado por María Marco Covelo. No acto inaugural estarán presentes a concelleira de Acción Cultural Branca Novoneyra, a comisaria e o artista. Clausurada hai uns días a intervención de Neves Seara, a Zona "C" abre así, ata o 22 de maio, a segunda das intervencións resultado da convocatoria que dende a Concellaría de Acción Cultural se puxo en marcha co fin de que este equipamento se singularice de novo como lugar de intervención para artistas plásticos.

(sic), de Joan Morera Arbones, comisariado por María Marco Covelo é un traballo que xira en torno á paisaxe, o territorio e a memoria. O grupo de traballo que Joan e María propoñen reflexiona sobre estes conceptos e fano cunha actividade de mediación que implica á residencia Fogar da Terceira Idade Porta do Camiño.

María Marco Covelo é comisaria de arte contemporáneo, investigadora e editora independente da revista Plétora, proxecto editorial de internet especializado en arte contemporáneo. Presenta Sic, do artista e investigador Joan Morera Arbones. As pezas de Joan Morera estiveron seleccionadas en varias edicións do Premio Auditorio de Galicia para novos artistas.

En palabras da comisaria, "(sic) son dúas derivas dunha mesma proposta. (sic) e Morera comparten, como punto de partida, o álbum fotográfico da avoa do artista. (sic) conta a historia de Fefu, refuxiada durante a Guerra Civil en Francia e emigrante nos 50 en Arxentina, pero faino a través dos retratos que Fefu se toma cando volve, como nunha sorte de ritual, aos escenarios do seu pasado. As súas imaxes, retratos da fotografía amateur na era Kodak, son viciosas repeticións de pose e composición que implican unha construción subxectiva da paisaxe. A instalación mostra este arquivo acompañado dunha entrevista que realiza, case como un xogo, o Joan de 1996, na que Fefu relata como tras o fusilamento do seu pai deciden emigrar. A entrevista funciona como catalizador e preséntase como peza textual xunto ao seu arquivo sonoro; de aí o título, sic erat scriptum (así foi escrito)".

A entrada á Zona "C" é de balde é o horario é de martes a sábado de 16:00 a 20:00 horas e domingos de 14:00 a 19:00 horas. O luns, pechado.

Compartir: