ALCALDÍA

O Concello de Santiago e a Consellería de Educación acordan unha solución para a falta de prazas no CEIP Lamas de Abade

12/04/2016 O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación, Manuel Dios, mantiveron hoxe unha reunión co conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, para abordar o problema da falta de prazas no Colexio de Educación Infantil e Primaria Lamas de Abade. A xuntanza serviu para ratificar o traballo previo que viñeran realizando a Concellería e a Xefatura Territorial de Educación, co obxectivo de atender a demanda do contorno do Castiñeiriño, en continuo crecemento demográfico.

Na reunión pechouse unha folla de ruta que contempla accións nos tres vindeiros cursos académicos. A primeira medida, no curso 2016-2017, consistirá en habilitar dúas aulas temporais dentro do espazo do CEIP Lamas de Abade. No curso 2017-2018 acondicionaranse novas aulas na vivenda que no pasado utilizaba o conserxe do centro, e xa de cara ao curso 2018-2019 ampliarase o CEIP con seis aulas máis.

Tanto a Consellería de Educación coma o Concello entenden que esta é a solución máis realista a día de hoxe. En todo caso, as dúas administracións coinciden en que a máis longo prazo será preciso analizar a evolución demográfica da zona sur da cidade, para comprobar se se fai necesaria a construción dun novo colexio.

O alcalde, Martiño Noriega, quixo agradecer o traballo feito tanto pola Concellería de Educación como pola Administración autonómica, e comprometeuse a que o Concello fará o que estea na súa man para acurtar os prazos administrativos na medida do posible.

Compartir: