EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello de Santiago renova o seu compromiso con Vacacións en Paz, programa de acollida de nenos e nenas saharauís

12/04/2016 Xa está en marcha unha nova edición do programa Vacacións en Paz, de acollida de nenos e nenas saharauís. A Concellaría de Educación e Cidadanía colabora un ano máis con esta iniciativa, canalizada en Galicia pola ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) a solicitude da Delegación Saharauí para Galicia.

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou esta edición 2016 do programa, acompañado da presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla, e do activista saharauí Hassanna Aalia. Un ano máis, familias compostelás proporcionaranlle unhas mellores vacacións a oito nenos e nenas entre 7 e 12 anos procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís da zona de Tinduf, no suroeste de Alxeria.

Os nenos e nenas estarán en Santiago de Compostela nos meses de xullo, agosto e primeiros de setembro. O Concello faise cargo das pasaxes dos rapaces e rapazas dende Tinduf e do seu regreso. Na súa estancia en Santiago, serán sometidos a revisións médicas e participarán en actividades organizadas pola Concellaría de Educación e Cidadanía.

Durante estes algo máis de dous meses, os nenos/as estarán con familias compostelás acolledoras, que se fan cargo dos gastos de alimentación, vestido e calquera outro derivado da súa estadía.

Unhas mellores vacacións
O programa Vacacións en Paz trata de ofrecer a estes rapaces e rapazas, nados no medio da guerra e sometidos ás súas duras consecuencias, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que isto contribúa, non só á súa formación, senón tamén a mellorar a comunicación e o entendemento entre os pobos, e a promover valores de solidariedade grazas á cooperación das familias compostelás.

Este tipo de visitas son moi importantes para que eles desenvolvan unha concepción do mundo máis ampla e sólida, e para que adquiran uns marcos de referencia elementais e non mediatizados respecto a outros países, dentro do seu propio proceso de maduración persoal e sen prescindir da rica tradición do seu pobo. Ao mesmo tempo, preténdese favorecer a relación de familias de Santiago con rapaces e rapazas doutras culturas.

Manifestación
A presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí aproveitou a rolda de prensa para alertar do perigo de guerra que existe nestes intres no Sáhara Occidental e para convidar á cidadanía a sumarse á manifestación que se celebrará en Madrid o vindeiro sábado, 16 de abril, de 12:00 a 16:00 horas. Fronte ao Ministerio de Asuntos Exteriores, na concentración farase un chamamento ao Goberno español para evitar a guerra e reivindicarase novamente a liberdade para os presos políticos saharauís. Dende Sogaps organizaranse autobuses para acudir a Madrid.

Direccións relacionadas



Compartir: