ESPAZOS CIDADÁNS E DEREITO Á VIVENDA

Axudas do programa de rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago

08/04/2016 O luns 4 de abril publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se convocan as subvencións para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago, no marco do Plan Estatal de Vivenda 2013-2016.

O prazo para solicitar estas subvencións estará aberto ata o 30 de novembro ou previamente se se esgota a partida orzamentaria prevista para a convocatoria, que ascende a un total 2.700.000 euros. Nesta convocatoria, a contía máxima das axudas non poderá exceder o 35% do custo subvencionable da actuación, cun importe máximo de 11.000 euros por vivenda. As obras deben estar rematadas o 30 de novembro.

As actuacións en vivendas que poden ser destinatarias destas axudas son as que están dirixidas a adecuar os edificios á normativa vixente (melloras na seguridade ou salubridade, protección fronte á humidade, adecuación ao entorno e protección do patrimonio…), mellorar a eficiencia enerxética ou garantir a accesibilidade.

As solicitudes deberán dirixirse á área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo, e preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na web da Xunta de Galicia.

O Concello e a Consellería de Infraestruturas chegaron a un acordo para axilizar no máximo posible a tramitación das actuacións subvencionables, á vista do escaso prazo que queda para a execución das obras. Así, o departamento municipal de Urbanismo emitirá os informes preceptivos no prazo dun mes, o mesmo que se marca a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para aprobar os seus, previos á execución dos traballos e á concesión das axudas.

Compartir: