CONSORCIO

O pianista e director alemán Christian Zacharias dirixe este xoves a Real Filharmonía de Galicia

13/04/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono este xoves, 14 de abril, no Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas. Levará a batuta o afamado pianista e director alemán Christian Zacharias.

A velada musical comezará co Concerto para piano e orquestra nº 18 de Mozart (1756-1791), que escribiu un total de 27 obras deste xénero. Aínda que non está claro, durante anos existiu a hipótese de que Mozart escribira este concerto para Maria Theresia von Paradis, unha pianista, cantante e compositora austríaca que quedou cega na súa infancia. E é posible que Paradis interpretase a obra en Londres en 1785.

Esta obra será interpretada ao piano por Christian Zacharias, que mantén unha carreira activa como concertista de piano de renome, ofrecendo recitais e concertos por todo o mundo, á vez que dirixe grandes orquestras. Moitas das súas gravacións foron galardoadas con importantes premios internacionais. Foi director principal e artístico da Orquestra de Cámara de Lausanne. Dende 2011 é profesor de Representacións Orquestrais na Academia de Música e Arte Dramático de Gotemburgo.

As calidades que fan de Christian Zacharias un dos pianistas máis aclamados do mundo son as mesmas que lle permitiron crear un estilo como director de orquestra, director de festival, escritor e locutor: profunda percepción musical mesturada cun auténtico instinto poético, brillantez na comunicación e unha forma de dirixir carismática e dominante.

Sinfonía nº 2 de Bruckner
O concerto concluirá coa versión de 1877 da Sinfonía nº 2 do compositor austríaco Anton Bruckner (1824-1896). A versión orixinal é de 1872, pero a obra sufriu varias revisións, como era habitual no mestre. O músico tentou dedicar a súa segunda sinfonía a Franz Liszt ante o silencio que tivo por resposta a súa petición inicial de dedicatoria á Orquestra Filharmónica de Viena, aínda que Liszt tampouco prestou a menor atención á dedicatoria, chegando mesmo a perder o manuscrito dedicado. A primeira representación desta obra tivo lugar en 1873, co compositor á fronte da Orquestra Filharmónica de Viena.

Compartir: