CULTURA

O Ballet Galego Rei de Viana estrea "Lumieira"

15/04/2005 Pasado e presente fúndense nesta produción, que na súa primeira parte revisa e actualiza algúns dos bailes máis exitosos da compañía no seu medio século de traxectoria, mentres que dedica un segundo acto a presentar as novas coreografías que se incorporan este ano ao repertorio do Ballet. Poderemos velo o sábado 16 e o domingo 17 ás 21 horas no Auditorio de Galicia.

Coincidindo co 50 aniversario do seu debú público en 1955, o Ballet Galego Rei de Viana propón a través do seu novo espectáculo "Lumieira" un percorrido coreográfico por algúns dos fitos máis determinantes deste periplo artístico.

O primeiro acto deseñouse como unha homenaxe a todos os que escribiron a historia do Ballet Rei de Viana desde a súa creación: aos seus fundadores, bailaríns, músicos, etcétera, así como aos espectadores que acudiron aos seus espectáculos en escenarios de todo o mundo. Con ese obxectivo recupéranse nove pezas como "Plegaria", "Carballesa", "Poema da chispa", "Belidas fiandeiras", "Chouteira de Lérez", "Aires de Pontevedra", "Danza dos galos", "Fonte do Patio Real" e "Noite de bruxas". As novas creacións son "Miñas donas, meus señores" e nela Victoria Canedo recrea as danzas señoriais do século XVIII.

Completan a segunda parte do espectáculo "O burriño", unha interpretación musical de Xesús Vaamonde e Fernando Docampo, e "Concerto de banda", coreografía de Arcadio Carbonell sobre música de Rogelio Groba.

Compartir: