ALCALDÍA E EDUCACIÓN

O alcalde e o concelleiro de Educación informaron aos directores dos CEIPs de Compostela do plan de actuacións nos centros

11/04/2016 O alcalde de Santiago presidiu esta mañá unha reunión cos directores dos colexios de Educación Infantil e Primaria de Compostela, na que tamén participou o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios. A xuntanza, celebrada no edificio Cersia, tiña como obxectivo analizar o Plan de Obras nos CEIPs e informar de cuestións estruturais que o Concello ten abordado coa Xefatura Territorial de Educación.

Martiño Noriega lembrou que o Concello conta cun contrato de mantemento para abordar as obras máis necesarias nos centros escolares. O alcalde e o concelleiro Manuel Dios escoitaron as demandas dos directores dos CEIPs ao respecto, e explicaron o proxecto que o Goberno local incluíu nos orzamentos de 2016 para renovar os parques infantís dos colexios. O rexedor lembrou que este ano se actuará en cinco colexios, pero reiterou o compromiso de ter renovadas todas as instalacións de xogos que estean obsoletas antes de que remate o mandato.

Comedores escolares
Na reunión tamén se falou do funcionamento dos comedores nos nove centros públicos de Educación Infantil e Primaria nos que o Concello se encarga deste servizo. Previamente, a Concellaría de Educación xa lle tiña solicitado á comunidade educativa que fixera as súas achegas de cara á redacción dun novo prego. O alcalde explicou que a Federación de ANPAS remitiu un escrito no que "expresa o seu compromiso co servizo dun xeito valente, mesmo asumindo que as nais e pais poderían pagar máis polos menús que ata o de agora". O rexedor sinalou que o Goberno local comparte coas ANPAS que "os criterios económicos non deben ser os únicos que pesen no prego, sempre que se manteñan uns custos razoables para un servizo que o Concello está a prestar pero que é competencia da Xunta de Galicia".

A Concellaría de Educación comprometeuse a responder por escrito a todas as achegas da Federación de ANPAS en relación ao prego dos comedores, e analizar a viabilidade das súas propostas tanto no relativo aos prezos como no que ten que ver cos monitores que deben atender aos nenos.

Consello Municipal de Educación
Na xuntanza mantida cos 14 directores e directoras dos centros públicos de Santiago, deuse o primeiro paso para a constitución do Consello Municipal de Educación, que será resultado dun proceso participado por todos os axentes da comunidade educativa. O concelleiro de Educación e Cidadanía informou ás direccións dos centros de que xa está elaborada unha proposta borrador de estatutos que será remitida ao resto de grupos políticos para a creación do documento final, que deberá ser ratificado polo Pleno. Manuel Dios trasladoulles tamén que antes de finais de curso quedarán constituídos tanto o Consello Municipal de Educación como o Consello Municipal da Infancia.

Por último, na xuntanza, o concelleiro de Educación Manuel Dios informou aos directores dos CEIPs do acto no que se está traballando para homenaxear aos directores e profesores dos colexios de Compostela que se xubilaron recentemente ou que o farán proximamente.

Reunión co conselleiro de Cultura e Educación
Preguntado polos xornalistas, o alcalde confirmou que mañá manterá unha reunión co conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez. O asunto central do encontro será a situación na que se atopa o CEIP Lamas de Abade, que non dispón de prazas de abondo para acoller a todos os rapaces procedentes da Escola Infantil Raiola.

Martiño Noriega explicou que xa houbo contactos ao respecto coa Consellería, que manifestou a súa vontade de buscar unha solución provisional, habilitando algún espazo temporal que permita incrementar as prazas dispoñibles. O departamento autonómico tamén amosou a súa vontade de estudar a posibilidade de ampliar o colexio ou de construír un novo centro no barrio do Castiñeiriño.

Compartir: