ACCIÓN CULTURAL

Juan Mayorga estará no Teatro Principal para presentar "Reikiavik" e conversar co público

07/04/2016 O dramaturgo Juan Mayorga estará este venres en Compostela para presentar Reikiavik, a súa última obra de teatro que poderemos ver a partir das 20.30 h no Teatro Principal. Ao remate da mesma, Mayorga manterá un encontro co público. As entradas, teñen un prezo de 12 euros (6 para os grupos que teñen os descontos habituais) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 horas, no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

Reikiavik acaba de ser nomeada finalista a tres premios Max das Artes Escénicas, que se entregarán o vindeiro 25 de abril e son os premios máis relevantes no ámbito das artes escénicas do Estado español. É finalista a mellor espectáculo teatral e a mellor autoría teatral e dirección de escena para o propio Mayorga.

Segundo Juan Mayorga, "Reikiavik é unha obra sobre o xadrez, esa arte que, como a vida mesma, consiste en memoria e imaxinación. Tamén é unha obra sobre a Guerra Fría. E é, ante todo, unha obra sobre homes que viven as vidas doutros. Bailén e Waterloo están unidos e separados por un taboleiro. Pero eles non xogan ao xadrez, xogan a Reikiavik.

Xogan a ser Bobby Fischer, Boris Spasski, o árbitro alemán, o gardacostas islandés, a nai de Bobby, a segunda esposa de Boris, as noivas que Bobby non tivo, cen nenos despedindo a Boris puño no alto no aeroporto de Moscova, Henry Kissinger, a pantasma de Stalin, o Soviet Supremo, o cabalo negro ameazando ao alfil branco, os pais ausentes, os campións mortos...

Non é a primeira vez que fan algo así, pero si a primeira vez que o fan ante un terceiro: un raparigo extraviado. E nunca o fixeron con tanta paixón. Porque hoxe buscan non só comprender que sucedeu realmente en Reikiavik, que estaba realmente en xogo en Reikiavik. Hoxe, Waterloo e Bailén buscan un herdeiro."

Direccións relacionadas



Compartir: