PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio convoca un certame para elixir un cartel sobre protección medioambiental das 15 cidades da rede

07/04/2016 O Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, a través da súa Comisión de Patrimonio, vén de convocar un concurso co fin de seleccionar un cartel sobre a necesidade de protección do medio ambiente nos centros históricos das 15 cidades que forman a rede: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Un dos fins principais do Grupo é a protección e conservación medio ambiente dos centros históricos das súas cidades que, pola súa incuestionable beleza natural, paisaxística e histórica, están inscritos na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO e, polo tanto, son merecedores dunha especial atención e coidado.

Na loita contra o vandalismo paisaxístico, a contaminación acústica, a sucidade e as pintadas nos centros históricos, así como no fomento da reciclaxe e do respecto polos elementos comúns, a prevención e a concienciación social preséntanse como as mellores ferramentas.

Por esta razón convócase este concurso, que premiará un cartel que teña como tema a protección ambiental nas 15 cidades Patrimonio Mundial, tomando como eixo fundamental a axitación e concienciación social, tanto dos habitantes destas cidades como dos miles de visitantes que reciben, debendo resaltar a necesidade de conservación do patrimonio e a súa fraxilidade ante os actos incívicos.

O concurso está aberto a todas as persoas, profesionais ou afeccionados, maiores de 18 anos, sen distinción de nacionalidade ou lugar de residencia, nin outras limitacións que as que estean contidas nas bases. O prazo de admisión dos traballos finalizará o 10 de maio.

Este certame está dotado cun único premio de 1.500 euros, así como cun bono de dúas estancias en Paradores das Cidades Patrimonio.

A Comisión de Patrimonio é a encargada de levar a cabo as actividades do Grupo que teñen relación co importante labor de conservación e protección dos valores dos conxuntos históricos que fixeron merecedoras a estas 15 cidades de estar incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. A rede leva a cabo os seus proxectos neste campo co apoio e a colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico.

Documentos relacionados



Compartir: