ESPAZOS CIDADÁNS E DEREITO Á VIVENDA

Jorge Duarte reúnese coa veciñanza de Vite para falar da súa designación como Área de Rehabilitación Integral (ARI)

06/04/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, reuniuse onte coa veciñanza de Vite para explicar en detalle o que significa a declaración do barrio como Área de Rehabilitación Integral. O edil indicou que a ARI aféctalle a un total de 1.263 vivendas, que poderán optar a axudas para mellorar a súa accesibilidade, habitabilidade e eficiencia enerxética, a través de renovación de fachadas, mellora dos illamentos ou instalación de ascensores. A declaración da Área de Rehabilitación Integral tamén engloba os espazos públicos do barrio, e neste caso actuarase fundamentalmente en melloras da accesibilidade peonil.

En todo caso, o concelleiro de Espazos Cidadáns quixo advertirlles aos veciños e veciñas que a aprobación da ARI non supón o acceso inmediato ás subvencións. Nesa liña, indicou que as axudas para Vite irán vinculadas ao Plan Estatal 2017-2020, que está pendente de aprobación polo Ministerio de Fomento. Ademais, lembrou que as últimas subvencións para a ARI de Vista Alegre son as solicitadas en 2012.

O edil tamén adiantou que o Concello traballa nunha liña complementaria de axudas para a instalación de ascensores, que teña en conta o criterio de renda que non se contempla nas subvencións estatais. Deste xeito, evitaríase que as obras queden en suspenso nalgunha comunidade porque algúns dos propietarios non poidan facer pagar a súa parte.

Compartir: