CONSORCIO

O mestre alemán Christoph König dirixe esta semana a Real Filharmonía de Galicia

04/04/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono este xoves, 7 de abril, no Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas. Ao día seguinte, o venres 8, a orquestra desprazarase a Ferrol, onde actuará no Teatro Jofre ás 20:30 horas. En ambas as actuacións levará a batuta o mestre alemán Christoph König, principal director convidado da Real Filharmonía de Galicia. O concerto de Santiago retransmitirase en directo por streaming a través da web da orquestra (www.rfgalicia.org) e das redes sociais.

Os concertos arrancarán coa obertura de A bela Helena, do compositor alemán Jacques Offenbach (1819-1880). Ambientada na Guerra de Troia, é unha ópera bufa que parodia a historia da fuxida de Helena con Paris, que desencadeou a contenda. Trátase dunha obra moi pouco representada na actualidade.

A continuación os músicos achegarán ao público o Concerto para trompa nº 3 de Mozart (1756-1791), que interpretará o trompista principal da Real Filharmonía de Galicia, Jordi Ortega. Nacido en Valencia, fórmase no Conservatorio Superior de Música "Joaquín Rodrigo" de Valencia e posteriormente amplía os seus estudos en Alemaña co profesor Eric Terwilliger, trompa solista da Orquestra Sinfónica da Radio de Baviera. É convidado asiduamente a colaborar con diversas orquestras españolas. É profesor de trompa na Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago de Compostela, labor que compaxina co seu posto de trompa principal na RFG.

Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 1 "Primavera" de Robert Schumann (1810-1856), que esbozou en catro días e completou a orquestración un mes despois. Estreouse baixo a dirección de Felix Mendelssohn.

Charla previa
Antes da celebración do concerto do xoves en Santiago, o director Christoph König e o trompista Jordi Ortega manterán unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

König naceu na cidade alemá de Dresde e alí estudou dirección orquestral, piano e canto. Recibiu o premio da Fundación Herbert von Karajan (Berlín). Dende 2013 é o principal director convidado da Real Filharmonía de Galicia. Ademais é o director titular e musical da Orquestra de Solistas Europeos de Luxemburgo e entre 2009 e 2014 foi director titular da Orquestra Sinfónica do Porto-Casa da Música. Está moi solicitado como director invitado en toda Europa e América.

Compartir: