ACCIÓN CULTURAL

Juan Mayorga, finalista dos Max, presenta a súa obra no Teatro Principal, no mes no que se celebra o 175º aniversario do recinto

04/04/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá a programación cultural de abril, mes no que celebramos o 175º aniversario do Teatro Principal. Teremos a Juan Mayorga na cidade para falar do seu teatro, tras ser nomeado finalista dos Premios Max a mellor autoría teatral, e poderemos ver dúas obras súas: Famélica e Reikiavik, esta última tamén finalista dos Max, a mellor espectáculo de teatro.

Poderemos ver Reikiavik este mesmo venres, 8 de abril. O propio Juan Mayorga estará na cidade para manter un coloquio co público ao remate do espectáculo. De Mayorga poderemos ver tamén Famélica o mércores 13.

No apartado de teatro temos tamén unha cita dirixida aos máis pequenos da casa: Don Quixote, unha comedia gastronómica que presenta Limiar Teatro o martes 19. O sábado 23 poderemos ver de novo no Principal Shakespeare para ignorantes, de Mofa e Befa. Pechamos a programación teatral o martes 26, día que celebramos o 175º aniversario do Teatro Principal, con Rinconete y Cortadillo, de Alberto Conejero, posto sobre as táboas por Sexpeare Producciones e dirixido por Salva Bolta.

Danza
A programación de danza deste mes de abril tamén é moi ampla e comezou xa este pasado sábado co Ballet de Carmen Roche que chegou a Compostela dentro do circuíto Danza a Escena. Este ciclo, organizado polo INAEM e posto en marcha por La Red de Teatros, Auditorios, Circuítos y Festivales Públicos, está por vez primeira na nosa cidade e completarase con outros tres espectáculos ao longo do ano con compañías chegadas de Barcelona, Sevilla e Guipúscoa. A seguinte cita coa danza será os días 20 e 21, que teremos no Principal o Encontro Universitario de Danza da USC, e o luns 25 poderemos ver no Auditorio de Galicia W.W. We Women, da Compañía Sol Picó. Precisamente, este espectáculo tamén foi nomeado finalista nos Premios Max, que se anunciaron a semana pasada, neste caso á mellor coreografía.

Na última semana do mes, na que celebramos o 175º aniversario do Principal, teremos tres propostas de danza: o venres 29, Planificar a caída, da compañía Traspediante; o sábado 30, Ulises e a nena durmida, de Ánxela Blanco; e domingo, xa primeiro de maio, Control, de Javier Martín.

Didácticos
Este mes tamén haberá varios eventos didácticas dirixidos a escolares de toda Galicia. Hoxe luns e mañá martes temos dúas funcións cada día de Feo, de Caramuxo Teatro, que acaba de ser elixido mellor espectáculo infantil nos Premios María Casares, e o mércores 6 chega Pygmalion, unha proposta en inglés de recursos educativos. O luns día 11 e o martes 12 teremos Xoga, unha proposta de danza e teatro da compañía Entremans. Finalmente, o venres 15 chega Bandanza, no que xuntamos a música da Banda Municipal con bailes de salón.

Música
No apartado musical teremos, como cada mes, concertos da Banda Municipal de Música e da RFG. Os concertos da Banda, ademais do didáctico, serán os domingos 10 e 24 no Teatro Principal. A Real Filharmonía de Galicia xa ofreceu a súa primeira proposta do mes o pasado venres con Eduardo Portal e a violinista Baiba Skride e estarán de novo no Auditorio de Galicia este xoves con Jordi Ortega como solista de trompa e dirixidos por Christoph König, co que teremos un Conversando con… previo ao concerto.

O xoves 14, o protagonista será Christian Zacharias, director e piano; e o xoves 21, a RFG estará dirixida por Lorenzo Viotti (con quen tamén conversaremos antes do concerto) e con Steven Osborne ao piano. Péchanse as propostas de música clásica cun concerto do ciclo de piano Ángel Brage que traerá a Compostela a Denis Kozhukhin o xoves 28.

En canto a outros estilos musicais, comezamos o pasado venres con Yhadira, que presentou o seu novo traballo no Principal. A próxima proposta será este mesmo xoves, día no que, tamén no Teatro Principal, teremos a João Afonso co seu traballo Sangue bom. Xa o sábado, día 9, o compostelán Fredi Leis ofrece un concerto dentro do Santiautor 2016, ciclo que tamén achega neste mes a Funambulista con Quédate, o sábado 16, e Guadi Galego, o venres 22, que presenta Lúas de outubro e agosto. Pechamos o apartado musical con Las Migas, que chegan á cidade o xoves 14 coa súa proposta de flamenco e música mediterránea da man de Alba Carmona, voz; Roser Loscos, violín; e Marta Robles e Alicia Grillo, guitarra.

Intervencións e exposicións
A programación do mes complétase co apartado de intervencións e exposicións. O mércores 13 inauguramos na Zona "C" Sic, un proxecto de Joan Morera Arbones comisariado por María Marco Covelo que permanecerá aberto ata o 22 de maio. Ademais, na sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia continúa aberta a mostra do 9º Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas.

Direccións relacionadas



Compartir: