DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO E POLÍTICAS SOCIAIS

"Reinventio Compostela", historias de reinvención persoal no ámbito do emprego

04/04/2016 As concelleiras de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, e de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentaron Reinventio Compostela. Historias de reinvención persoal, evento que terá lugar o mércores 6 de abril, ás 20:30 horas, na cafetería Airas Nunes. As concelleiras estiveron acompañadas de tres compoñentes de XerAcción XV, grupo organizador de evento, Chus Gómez Ruso, Emmanuel Kojo Yawson e Chus Prol.

Reinventio Compostela é un evento creado para compartir historias de reinvención no ámbito do emprego. Os asistentes poderán escoitar as experiencias de cinco persoas que deron un paso á fronte para estar máis preto de ser os profesionais que sempre quixeron ser. Cada relator terá uns dez minutos para compartir a súa historia de reinvención persoal. No evento tamén se estreará a curta de XerAcción XV, dirixida por Illa Bufarda, sobre a reivindicación das políticas actuais de emprego.

XerAcción XV é un movemento de acción social cooperativa baseado na xeración de oportunidades de cara a mellorar a empregabilidade dos seus integrantes. Este grupo naceu a partires do Proxecto Colabora, organizado polos departamentos de Desenvolvemento Económico e Políticas Sociais para o fomento do emprendemento social.

O proxecto Colabora enmárcase dentro Compostela Móvese, programa de dinamización económica que naceu en outubro do ano pasado co obxectivo de apoiar un novo modelo de desenvolvemento local, endóxeno, cooperativo e asentado na identidade e na historia de Santiago. Precisamente, unha das principais liñas de traballo de Compostela Móvese é o fomento da economía colaborativa, como piar básico dun novo modelo económico máis social e sostible.

O proxecto Colabora comezou a principios de novembro, coa creación dun grupo de quince persoas seleccionadas a partires de varias dinámicas de grupo orientadas á detección de valores colectivos, como a cohesión e a colaboración. Este grupo traballou con diferentes profesionais dende unha perspectiva multidisciplinar, unindo psicoloxía, coaching e consultoría, para mellorar a empregabilidade dos participantes a través de novos modelos.

Documentos relacionados



Compartir: