ALCALDÍA E MEDIO AMBIENTE

O Concello e o Museo de Historia Natural da USC retoman a súa colaboración

04/04/2016 O alcalde, Martiño Noriega, e o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, asinaron hoxe no Pazo de Raxoi un convenio polo que o Concello e o Museo de Historia Natural da USC se comprometen a colaborar en actividades de divulgación científica sobre o medio ambiente. No acto tamén participaron a directora do Museo, María Isabel Fraga, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro.

O acordo asinado hoxe, que ten unha vixencia de dous anos prorrogables, sinala que o Concello e o Museo de Historia Natural colaborarán na elaboración e execución conxunta de proxectos sobre o medio ambiente, actividades de educación ambiental, e accións conmemorativas en datas de relevancia como o recente Día da Árbore.

O convenio tamén contempla a creación dunha comisión de seguimento de carácter paritario, da que formarán parte a directora do Museo de Historia Natural, María Isabel Fraga, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, así como cadanseu técnico da USC e do Concello. Este órgano canalizará e supervisará as actividades que se desenvolvan de xeito conxunto, e poderá propoñer actividades concretas de colaboración que teñan cabida no acordo.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que o convenio asinado hoxe "é un convenio marco, o que supón que as accións concretas nas que van colaborar as dúas partes se irán definindo pouco a pouco". Xan Duro recoñeceu que este acordo lle produce especial satisfacción, porque a súa vida laboral "estivo vinculada á facultade de Química, antiga sede do Museo de Historia Natural, polo que tiña especial interese en colaborar coa entidade".

Tamén a directora do Museo de Historia Natural reivindicou a importancia do convenio "que retoma a cooperación que existiu anos atrás co Concello, e que permitirá sacar adiante iniciativas como a Guía Verde de Santiago". Esa colaboración, explicou María Isabel Fraga, quedara en suspenso nos últimos anos "e retomala é bo tanto para o Concello como o para o Museo, que pode aportar coñecementos e persoal especializado na divulgación do medio ambiente".

O reitor da USC, Juan Viaño, explicou que os convenios que están asinando nas últimas semanas a Universidade e o Concello poderían integrarse nun acordo único de carácter global, no que xa están a traballar as dúas partes.

Colaboración xa en marcha
Aínda que o convenio non foi asinado ata hoxe, o Concello e o Museo de Historia Natural xa están colaborando nas actividades organizadas ao redor do Día da Árbore, celebrado o pasado 21 de marzo. Con motivo desa efeméride, o Museo organizou visitas guiadas a tres dos parques compostelás máis emblemáticos (Alameda, Eugenio Granell e Finca de Vista Alegre), dirixidas tanto a escolares como ao público en xeral.

As visitas para os colexios, aprazadas por mor do mal tempo, contan xa con 900 alumnos inscritos, e nos percorridos para o público en xeral participaron máis de 150 persoas.

Compartir: