MEDIO AMBIENTE

O CIAC programa un obradoiro de cosmética natural e un roteiro polas Brañas de Sar

04/04/2016 Despois da celebración da fin de semana das árbores, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) continúa as súas actividades do mes de abril, no que recibirá varios grupos de escolares e universitarios/as. Tamén ofrece un Obradoiro de Cosmética Natural (o sábado 16 ás 17:00 horas), e un roteiro polas Brañas do Sar (o sábado 30 ás 12:00 horas).

O sábado 16 de abril, ás 17:00 horas, o CIAC acollerá un Obradoiro de Cosmética Natural. Os participantes poderán coñecer o impacto dos ingredientes utilizados nos produtos de hixiene e cosmética que utilizamos habitualmente e aprenderán a facer os seus propios aceites e cremas a partir de ingredientes naturais e ecolóxicos.

Dúas semanas despois, o sábado 30 de abril, ás 12:00 horas, oportunidade para facer un roteiro interpretativo polas Brañas do Sar. Poderanse descubrir os valores naturais, os usos tradicionais e outras curiosidades deste fermoso entorno.

Cómpre lembrar que o CIAC abre fins de semana e festivos, de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas. No Centro hai unha exposición permanente sobre o medio ambiente urbano de Compostela, que se pode visitar por libre ou concertando unha visita guiada en grupos de máis de 10 persoas.

Todas as actividades ofertadas son de balde, mais é preciso inscribirse ata 3 días antes da súa celebración. Para máis información pode escribirse ao ciac@santiagodecompostela.org ou chamar ao 981 543 145.

O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela está localizado no parque de Belvis, no edificio dun antigo curtidoiro. O CIAC quere ser un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía e conta con recursos didácticos e actividades que axudan a comprender mellor a relación entre a cidade e o seu medio ambiente.

Compartir: