LINGUA

Os obradoiros de lingua do Concello invitan a reflexionar aos máis novos sobre o seu papel respecto ao galego

25/10/2006 Un curso máis, chegan os obradoiros de lingua promovidos pola Concellaría de Política Lingüística e impartidos pola cooperativa Tagen Ata. Os cursos, cuxa primeira quenda comezará o 31 de outubro, están dirixidos a alumnos de secundaria e celebraranse no Centro Sociocultural e Xuvenil situado en Frei Rosendo Salvado, 14-16.

Estes obradoiros impártense co obxectivo de "facer que os rapaces, sobre todo de secundaria, comecen o proceso de reflexión sobre o seu papel respecto ao idioma e e a análise crítica da realidade sociolingüística do seu contorno", indicou o concelleiro de Política Lingüística, Manuel Portas, na presentación dos cursos. O Concello de Santiago é pioneiro nesta iniciativa, que permite aos mozos e mozas "descurbrir os seus prexuízos respecto á lingua, desmontalos e convivir en situacións onde non teñen problema sen desenvolverse en galego", segundo aputou Olga Patiño, de Tagen Ata.

A primeira quenda comprende un obradoiro "Máis alá" de lingua e sociedade, destinado a estudantes de secundaria, que terá lugar os martes, dende o 31 de outubro ata o 19 de decembro e o 9 de xaneiro, sempre en horario de 18:00 a 20:00 horas. Pola súa parte, o denominado "Máis alá" de lingua e participación, diríxese a estudantes que xa participara antes no de lingua e sociedade. As nove sesións terán lugar os xoves, do 2 ao 30 de novembro, o 14 e o 21 de decembro e o 11 e o 18 de xaneiro. Un dos atractivos destes dous cursos é que conclúen cunhas excursións de dous días, na que os rapaces estarán en contacto con outros procedentes doutros concellos e que realizaron cursos semellantes.

O terceiro dos obradoiros é o denominado "Máis alá" de habilidades comunicativas e creatividade social, dirixido a rapaces se ESO e de Bacharelato. Nos mesmos trátanse tamén temas transversais como as drogas, o alcohol ou a sexualidade. Celebraranse os mércores, do 8 ao 29 de novembro, o 13 e o 20 de decembro, tamén en horario de 18:00 a 20:00 horas.

A segunda quenda destes obradoiros desenvolverase de febreiro a abril. Os interesados poden informarse e apuntarse no Departamento de Política Lingüística do Concello (981 542 409) o una Cooperativa Tagen Ata (981 576 483).

Compartir: