CONVIVENCIA

Protección Civil realizou 600 intervencións o ano pasado, case o dobre que en 2014

31/03/2016 Protección Civil de Santiago participou en 2015 en 599 operativos, fronte aos 314 do ano anterior. Deste xeito, a agrupación segue reforzando a súa presenza e a súa participación en distintas actividades que se realizan non só na capital galega, senón tamén na súa contorna. Así se recolle na memoria que hoxe presentaron a xefa de Protección Civil, Begoña del Río, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro. O edil quixo felicitar á agrupación polo seu labor, "fundamental para poder atender a gran cantidade de actos que se desenvolven en Compostela, froito da súa dobre condición de capital de Galicia e de destino de peregrinación".

Nos últimos anos, a actividade de Protección Civil non deixou de medrar. En 2011, a agrupación realizou 164 saídas; en 2012 foron 277; en 2013 subiron a 294; e en 2014 Protección Civil de Santiago realizou 314 operativos. O ascenso máis importante rexistrouse o ano pasado, con 599 saídas. Segundo explicou Begoña del Río, "esta evolución está relacionada co aumento do número de voluntarios de Protección Civil, que permite participar en máis intervencións, e co feito de que a agrupación foi reclamada en máis ocasións para atender emerxencias como accidentes de tráfico ou incendios forestais".

Dos operativos rexistrados en 2015, 238 foron para atender eventos cunha alta concentración de persoas, como as cabalgatas de Reis ou do Antroido, concertos ou competicións deportivas. Outros 59 operativos tiveron que ver coa atención aos Camiños de Santiago e, nese sentido, Begoña del Río explicou que "nos meses de temporada alta, oito voluntarios de Protección Civil en dúas quendas percorren as rutas xacobeas para atender as necesidades dos peregrinos". No balance de 2015 sinálase que 22 operacións estiveron relacionadas co coidado do medio natural, e as 280 restantes foron intervencións varias (accidentes de tráfico, rescate de animais, reténs para botar sal nas rúas por mor das xeadas…). En total, Protección Civil dedicou o ano pasado 1.901 horas a desenvolver estas intervencións.

Por meses, o de maior actividade para Protección Civil foi agosto, con 109 operativos, seguido de xullo, con 98; outubro, con 92; e setembro, con 80. Iso responde a que estes son os meses con maior incidencia dos incendios forestais, e tamén os meses nos que se celebran máis eventos cunha alta concentración de persoas e as peregrinacións masivas nas que intervén a agrupación. Pola contra, os meses de menor carga de traballo para Protección Civil foron decembro, con 18 intervencións, e xaneiro, con 15.

Segundo a memoria de actividades presentada hoxe, Protección Civil de Santiago recibiu o ano pasado 1.417 chamadas do 112. A maioría, 522, estiveron relacionadas con accidentes, e 246 con incidencias relacionadas con animais. A agrupación tamén foi requirida en 106 ocasións por incendios. A xefa de Protección Civil explicou que "non todas estas chamadas do 112 requiren finalmente a mobilización da agrupación, porque son atendidas por outros servizos".

Máis voluntarios
Protección Civil de Santiago está composta na actualidade por 44 voluntarios, 15 máis que en 2014. Dos voluntarios, 11 son mulleres e 33 homes. A súa media de idade sitúase en 25 anos. Entre todos, sumaron o ano pasado 10.140 horas de traballo. Begoña del Río quixo salientar o seu labor altruísta, e pediu que non se limite a imaxe de Protección Civil "aos mozos vestidos de laranxa que nos impiden os pasos nos cruces, porque o seu traballo vai moito máis alá e é fundamental para que unha cidade como Compostela funcione".

Os voluntarios da agrupación teñen como principal obxectivo proporcionar a protección e asistencia necesarias ante calquera evento, accidente ou desastre, así como a salvagarda do medio ambiente. Entre as súas funcións, Protección Civil de Santiago encárgase da asistencia no Camiño de Santiago, do seu acondicionamento, e da atención aos peregrinos. Tamén está presente en actividades culturais ou deportivas, nas que poden proporcionar unha maior seguridade aos asistentes. Protección Civil colabora coa Policía Local, cos Bombeiros e coas forzas e corpos de seguridade do Estado en distintas actuacións.

Documentos relacionados



Compartir: