ACCIÓN CULTURAL

Esgotadas as entradas para os dous concertos de Ses no Teatro Principal

29/03/2016 María Xosé Silvar, Ses, presenta o seu terceiro disco, Tronzar os valos, en dous concertos esta semana no Teatro Principal. Este último traballo chega despois dos tamén exitosos Admirando a condició e Co xenio destrozado. Os concertos serán mañá mércores e de novo o xoves, ambos ás 21:00 horas. As entradas para os dous concertos están esgotadas dende hai días.

Os valos desaparecen e as rúas deixan de estar prohibidas no novo traballo discográfico de Ses. Rockeira e cantareira, comprometida e libre, sentimental e enérxica. Estamos en tempo de Tronzar os valos, de responder con música e ideas, con ilusión contra abatemento. Estamos en tempo de Ses e do terceiro disco dunha das nosas máis singulares e poderosas voces.

Doce cancións nas que adentrarse no universo Ses. Porque a Ses de Tronzar os valos é máis Ses que nunca. Isto significa a suma da potencia do rock, o ritmo e a mensaxe da canción latinoamericana, a tradición que leva nas veas e a súa intensa condición de cantora que impregna a maneira directa de se achegar ao público.

Regresa Ses aos escenarios coa enerxía do vento e cancións cheas de verdade e forza. Ses herda a actitude valente e honesta dos grandes nomes cos que comparte condición de cantautora e decide alentar coa súa música a enerxía da forza colectiva que pula por un tempo novo. Cancións para revoltarse e disentir contra o estado de cousas dun sistema que amarra e inmobiliza.

Despois do éxito de Admirando a condición e Co xenio destrozado, o terceiro disco de Ses, Tronzar os valos, confirma unha forma de cantar singular, a flexibilidade de contorsionista dunha voz que se adapta a múltiples rexistros: suave como poucas nas baladas e desgarradora cando se impón a súa vea blues e rock.

Compartir: