ALCALDÍA

Martiño Noriega asiste en Fontiñas á entrega dos Premios Luís Tilve 2015

29/03/2016 O alcalde, Martiño Noriega, participou este mediodía no acto de entrega dos Premios Luís Tilve 2015, no Centro Sociocultural das Fontiñas.

A Fundación Luís Tilve entrega estes galardóns en catro categorías: Traballo Digno, que desta vez foi para os gandeiros de Guntín Balbino Gómez Rodríguez e Begoña Pardellas; Acción Solidaria, para a Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo; Defensa do Medio Ambiente e dos Bens Comúns, que recaeu no Proxecto Esmelle; e Investigación e Divulgación, que recibiu o doutor en Economía da Universidade de Santiago, Xaime Barreiro.

Na súa intervención, o alcalde felicitou os premiados e tamén loubou a traxectoria da Fundación Luís Tilve, que naceu hai máis de 25 anos en Compostela, impulsada por Suso Mosquera, "para estudar os movementos sociais, sindicais e políticos contemporáneos, e para crear un Arquivo Histórico do Movemento Obreiro de Galicia". Martiño Noriega agradeceu esta labor "que nos permite mirar cara o pasado para avaliar o presente e que contribúe a que o traballo dos sindicalistas non caia no esquecemento, sobre todo porque ese traballo parece seguir sendo igual de necesario hoxe que hai un cuarto de século".

Compartir: