ACCIÓN CULTURAL

Santiago de Compostela, cidade invitada na Feira Internacional do Libro de Bos Aires

29/03/2016 Compostela é a cidade invitada na Feira Internacional do Libro de Bos Aires, que celebrará do 21 de abril ao 9 de maio a súa cuadraxésimo segunda edición. Por este motivo, a Xunta de Galicia organizou un amplo programa de actividades, no que colabora o Concello de Santiago. Esta mañá, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentaron un avance da programación na Cidade da Cultura, nunha rolda de prensa á que asistiron algúns dos autores e autoras que viaxarán na delegación galega a Bos Aires.

O Concello participa na programación cun ciclo denominado Compostela Colateral, que ten como unha das súas actividades centrais a presentación do Mapa Literario de Santiago na libraría Eterna Cadencia. Este mapa, segundo explicou a concelleira de Acción Cultural, está pensado "para aqueles que desexen descubrir Compostela a través da literatura, e é unha homenaxe a lugares e autores dende Bernal de Bonaval a Lupe Gómez ou Antón Lopo". Branca Novoneyra salientou que esta proposta "parte dunha idea do colectivo Compostela Literaria".

Ademais, no ciclo Compostela Colateral están previstos encontros con escritores de Santiago, no Centro Cultural Matienzo da capital arxentina. Neles participarán, entre outros, Teresa Moure, Clara Gayo, Diego Ameixeiras ou Antón Lopo.

Compostela, á altura das grandes urbes
Na presentación do avance do programa, o conselleiro de Cultura salientou que Compostela será cidade invitada na Feira do Libro de Bos Aires xusto despois de México DF, e un ano antes de que o sexa París. Román Rodríguez incidiu en que "malia a ter menos de 100.000 habitantes, a capital galega sitúase ao nivel das grandes urbes do mundo protagonizando un evento literario ao que asisten milleiros de persoas". Ademais, o conselleiro salientou que o feito de que Santiago sexa a cidade invitada na Feira bonaerense "é unha oportunidade histórica para amosar a forza e a profesionalidade do sector do libro galego e da nosa cultura".

A programación presentada hoxe inclúe diferentes actividades, como coloquios temáticos, presentacións de libros da produción editorial galega actual, intervencións artísticas, obradoiros e conferencias, e mesmo proxeccións audiovisuais. As propostas desenvolveranse tanto no stand de Galicia, situado nun lugar central da Feira e con 200 metros cadrados de superficie, como noutras salas do recinto feiral. A cultura galega tamén será protagonista noutros espazos emblemáticos de Bos Aires, como librerías, centros culturais, ou bibliotecas.

Autores invitados
Para participar nesta programación foron invitados autores e autoras de diferentes ámbitos da escrita: a poesía, a narrativa, o teatro, o ensaio, ou a divulgación científica. Na Feira do Libro de Bos Aires estarán presentes, entre outros, Manuel Rivas, Domingo Villar, Xavier Queipo, María Solar, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán Vello, Xavier Alcalá, Luís G. Tosar, Beningno Campos ou Jorge Mira.

Ademais, na programación terán cabida figuras históricas como Eduardo Blanco-Amor, Ramón María del Valle-Inclán ou Camilo José Cela, sobre os que se organizará cadansúa exposición a través da Editorial Galaxia, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Pública Camilo José Cela. Están previstas outras dúas mostras, Santiago, cidade ilustrada e José Suárez. Uns ollos vivos que pensan.

Compartir: