XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a convocatoria de novas fases de axudas nas ARI de Vista Alegre, Pontepedriña e Cidade Histórica

28/03/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe as bases reguladoras e convocatoria de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas nas ARI de Vista Alegre (Fase 7), Cidade Histórica (Fase 14), e grupos de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios da Pontepedriña (Fase 4). O prazo para solicitar as axudas será dun mes, desde a publicación do acordo no Boletín Oficial da Provincia. En todos os casos, a data límite para rematar e xustificar as obras subvencionables será o 30 de novembro.

A convocatoria de subvencións aprobada hoxe realízase con cargo ao Programa de rexeneración e renovación urbanas, do Plan estatal 2013-2016. Delas poden beneficiarse comunidades de propietarios formalmente constituídas, agrupacións de comunidades de propietarios ou propietarios únicos de edificios de vivendas situados no ámbito territorial das distintas áreas de rehabilitación integral. As actuacións subvencionables son as que teñen que ver co "mantemento e intervención en edificios de vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos á normativa vixente". No caso de Vista Alegre, as actuacións incluirán, en todo caso, a instalación de ascensores. Ademais, as actuacións obxecto de axuda, salvo que se limiten exclusivamente á rehabilitación de vivenda ou instalación de ascensor, estarán condicionadas á mellora da cualificación enerxética do edificio.

A contía das subvencións será, nos tres ARI, do 35% do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 11.000 euros por vivenda.

Orzamento
No caso da Fase 7 de Vista Alegre, a contía máxima dos créditos orzamentarios é de 586.875,23 euros (245.875,23 euros da anualidade de 2015 e 340.000 da anualidade de 2016); para as axudas da ARI da Cidade Histórica resérvanse 186.044,77 euros (60.519,22 euros de 2015 e 125.525,55 de 2016); e para os grupos de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios recóllense 52.080 euros (18.983,68 euros de 2015 e 33.096,32 de 2016). En todos os casos, é posible executar obras en 2016 imputadas á anualidade de 2015.

Compartir: