CONSORCIO

A virtuosa violinista letona Baiba Skride tocará esta semana coa Real Filharmonía de Galicia cun Stradivarius de 1734

28/03/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro terá lugar o xoves no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas. Ao día seguinte, o venres, a orquestra tocará en Santiago, no Auditorio de Galicia ás 21:00 horas. En ambas actuacións levará a batuta o mestre burgalés Eduardo Portal, de 32 anos, que foi director asistente, entre outras, da Orquestra Filharmónica de Londres e da Joven Orquesta Nacional de España. O concerto de Santiago retransmitirase en directo por streaming a través da web da orquestra (www.rfgalicia.org) e das redes sociais.

Ambos concertos comezarán coa Obertura Leonora nº 3 de Beethoven (1770-1827). É a única ópera do compositor alemán. Conta como Leonora, disfrazada coma un garda da prisión chamado Fidelio, rescata ao seu marido Florestán da condena de morte por motivos políticos. A Beethoven resultoulle moi traballoso producir esta obra e finalmente realizou catro versións diferentes. A número 3 é considerada por moitos como a mellor.

A continuación, a orquestra interpretará a Obertura, scherzo y finale do compositor romántico alemán Robert Schumann (1810-1856). Anque na súa estrea recibiu poucos aplausos do público, trátase dunha composición substancial, na que se reflicte a loita do autor por dominar as formas e os procedementos clásicos ao tempo que vai crecendo a súa imaxinación romántica.

O virtuosismo de Baiba Skride
As actuacións de Santiago e Vigo concluirán co Concerto para violín de Johannes Brahms (1833-1897), que dedicou ao seu amigo Joseph Joachim. Brahms non dominaba a técnica do violín tanto como a do piano, de modo que durante a composición desta peza consultou varias veces a Joachim, aínda que moitas das súas suxestións non foron tomadas en conta. Así, esta obra contén importantes dificultades técnicas, en especial nalgunhas partes para a man esquerda.

A obra será interpretada nesta ocasión pola violinista letona Baiba Skride. As súas interpretacións refrescantes e a súa sensibilidade musical levárona a tocar cos mellores directores e coas orquestras máis prestixiosas, entre elas as Filharmónicas de Berlín, Londres e Nova York. Na actualidade é artista en residencia coa Orquestra Sinfónica Cidade de Birmingham. Nesta temporada actuará coa Filharmónica de Helsinki en México, coa Orquestra Sinfónica do Estado de São Paulo, realizará unha xira coa Sinfónica de Nova Zelanda e en Asia tocará en Tokio.

Skride naceu en Riga (Letonia) no seo dunha familia dedicada á música. Comezou os seus estudos na súa cidade natal e máis tarde ingresou no Conservatorio de Música e Teatro de Rostock (Alemaña). En 2001 gañou o primeiro premio do Concurso Raíña Elisabeth. Dende hai varios anos toca o Stradivarius "Ex Baron Feilitzsch", de 1734, cedido polo violinista e director de orquestra letón Gidon Kremer.

Compartir: