TURISMO

Santiago promóvese como destino de inverno nos mercados europeos con conexión aérea

24/10/2006 Baixo o lema "Santiago de Compostela, parte de ti", Turismo de Santiago pon en marcha por quinto ano consecutivo a Campaña de Desestacionalización Turística para mellorar a ocupación hoteleira invernal. As novidades desta edición son "a internacionalización e o traballo con empresas e institucións", segundo apuntou o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, na presentación da iniciativa.

A campaña de Turismo de Santiago, xestionada polo seu turoperador, Compostur, pretende atraer a un turismo de calidade entre os meses de novembro e marzo, que son tradicionalmente os de máis baixa ocupación hoteleira. "O obxectivo é aumentar a ocupación hoteleira en torno a un 25% e sobre todo incrementar o número de pernoctacións", sinalou Candela. Para logralo, a campaña válese de prezos que parten dos 35 euros por habitación e dun paquete complementario de agasallos e descontos.

Como novidade, ademais da web propia www.santiagoturismo.com/fs, onde se poden facer reservas on-line e dos anuncios en prensa nacional e portuguesa, durante esta edición realizaranse accións comerciais específicas en mercados internacionais que contan con enlaces directos con Santiago, como Londres, Roma, París, Frankfurt, Liverpool, East Middlands, Berlín e os máis de 20 destinos dispoñibles con Air Berlín. Para iso, o folleto da campaña editarase en seis idiomas: español, inglés, portugués, alemán, francés e italiano.

A meta é animar aos turistas nacionais e internacionais a achegarse a unha cidade que en outono e en inverno permite gozar con tempo e tranquilidade dunha mellor oferta cultural, patrimonial, gastronómica e nocturna, un conxunto no que os visitantes descubrirán a mais auténtica Compostela.

Como se trata dunha iniciativa que busca aumentar a ocupación hoteleira co esforzo conxunto público e privado, Turismo de Santiago conta coa colaboración de 17 hoteis da cidade e de catro turoperadores: Vivatours, Viagal Tours, Abreu e Transhotel, coordinados por Compostur.

A iniciativa foi presentada en rolda de prensa, ademais de polo concelleiro de Turismo, polo director xeral de Viagal Tours, Mario Rodríguez; polo director de vendas de Transhotel, Marcos Franco; e polo representante de Compostur, José Oreiro.

Avións e dúas noites dende 155 euros

Os establecementos composteláns adheridos a esta campaña -un hotel de cinco estrelas, tres de catro, seis de tres, cinco de dúas e un dunha estrela- ofrecen prezos que parten dos 35 euros por habitación e noite.

A campaña permite tamén combinar billete de avión ida e volta en voo regular de Iberia dende Madrid máis dúas noites de hotel dende 155 euros. Con este paquete aéreo, que comercializa Vivatours para todo o mercado minorista nacional, búscase unha segunda pernoctación.

Para incentivar aos viaxeiros a permanecer máis dunha noite na capital galega, a oferta complétase cun paquete de benvida para as 500 primeiras reservas, que inclúe folletos de información turística, un agasallo e o alugamento gratuíto da visita audioguiada en mp3, así como descontos do 50% na excursión de Compostela Vision á Costa da Morte todos os sábados.

Tamén están dispoñibles fóra do programa aos produtos comercializados por Compostur, como visitas guiadas, transporte turístico, voos en avioneta, balnearios, deportes de natureza e máis percorridos por Galicia.

A promoción da campaña farase cos mesmos mecanismos de venda directa que funcionaron na edición anterior: o teléfono de información e reservas de Compostur (902 190 160) e a páxina web www.santiagoturismo.com/fs, pero engadirá accións de comercialización nos destinos aéreos accesibles dende Lavacolla.

O Plan de Desestacionalización Turística pechou a pasada campaña 2005-2006 con 3.492 visitantes invernais a Compostela, o que lle reportou 8.621 noites de aloxamento nos hoteis participantes.

Compartir: