ALCALDÍA

Compostela e Padrón reforzan os seus lazos no día de Santiago na Pascua padronesa

28/03/2016 Como cada luns de Pascua, hoxe celebrouse o Día de Santiago en Padrón. Unha delegación municipal, encabezada polo alcalde, Martiño Noriega, desprazouse á vila veciña para celebrar esta xornada, que serve para que Compostela e Padrón reforcen os seus lazos de irmandade.

Como vén sendo tradición, a delegación compostelá foi recibida na Casa do Concello padronés e, tras o intercambio de bastóns de mando e pendóns, os dous alcaldes pronunciaron unhas palabras no salón de plenos. Martiño Noriega lembrou a unión histórica entre as dúas vilas, a través do Camiño Portugués, da creación literaria ou do patrimonio cultural. O rexedor compostelán tamén apostou por seguir impulsando proxectos conxuntos. No mesmo sentido expresouse o alcalde padronés, Antonio Fernández.

Tras os dous discursos, as dúas corporacións saíron aos balcóns da Casa do Concello para escoitar a interpretación do Himno de Galicia e as actuacións das bandas municipais de Santiago e de Padrón na praza de Macías.

A celebración do Día de Santiago en Padrón no luns de Pascua é unha cita tradicional na que as dúas vilas reforzan a súa irmandade, como fan despois no Día de Padrón en Santiago, nas festas do Apóstolo.

Compartir: