ACCIÓN CULTURAL

"O órgano sae á rúa" este mércores dentro do ciclo "De lugares e órganos’

22/03/2016 De lugares e órganos, o programa de música e outras paisaxes de Compostela que organiza a Concellaría de Acción Cultural durante esta Semana Santa, realiza de novo na xornada deste mércores a actividade "O órgano sae á rúa". Será a partir das 19:30 horas na tenda de música O Pazo das Musas (rúa Nova, 8-10).

Este espazo nace coa idea de saír á rúa e ao encontro da cidadanía, deslocalizar as actividades e levalas a ámbitos diferentes do seu contexto natural ou dos espazos de concerto programados, co fin de espertar o interese polo que, ao longo do ciclo, vai acontecer. Para aquelas persoas que queiran afondar un pouco máis nos contidos da programación, coñecer de preto aos artistas, ou simplemente curiosear un pouco sobre aquilo que imos ver e escoitar, proponse, dentro do ciclo de De lugares e órganos, pequenas iniciativas e encontros en establecementos da cidade, nos que participarán músicos, persoas expertas en diferentes temas ou colaboradoras do proxecto, canda o propio público. Encontros que, sen dúbida, axudarán a entender e gozar máis dos concertos e actividades programadas.

Na sesión de mañá teremos un encontro con Belén Bermejo, a directora artística do programa, e Andrés Díaz, músico e experto en organería galega. Presentarán a programación do ciclo, farán unha aproximación á organería e o patrimonio organístico da cidade, ao tempo que falarán polo miúdo das propostas das que poderemos gozar no que queda de semana.

Tamén, dentro desta iniciativa de "O órgano sae á rúa", continúan expoñéndose en diversos establecementos comerciais do centro histórico e do ensanche compostelán fotografías de diferentes órganos históricos da cidade, ao obxecto de visibilizar os elementos do patrimonio organístico más relevantes da cidade, entre un amplo público. Loca por Mi, Maravalla, Merlín e Familia, Secretos de Galicia, Matrioska, O Pazo das Musas, Ela Diz, El Taller de Fer, Como Pez en el Agua, Catrineta, Kookai ou a Libraría Cronopios forman parte dos espazos de exposición.

Direccións relacionadas



Compartir: