BENESTAR SOCIAL

O Concello aporta 3.400 euros á asociación ASPANAES para a posta en marcha dun servizo de transporte adaptado

24/10/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da Asociación de Pais de Persoas con Autismo e outros Trastornos Xeralizados do Desenvolvemento (ASPANAES) da provincia da Coruña, Antonio de la Iglesia Soriano, asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal a entidade municipal realizará unha achega de 3.400 euros para colaborar coas actividades da asociación.

O convenio asinado na Casa do Concello ten por obxecto a colaboración nos custos do servizo de transporte adaptado, que permitirá que tanto os nenos e nenas do Colexio de Educación Especial "Duques de Lugo", coma os usuarios do Centro de Día "Lamas de Abade", ámbolos dous en Santiago de Compostela, poidan contar co mencionado transporte para o seu traslado aos centros. Para a posta en marcha deste servizo, o Concello realizará unha achega de 3.400 euros.

O convenio enmárcase nos programas e actuacións de tipo social que leva a cabo o Concello, co fin de garantir a calidade de vida das persoas e unha orde social máis xusta e solidaria, de acordo coa filosofía municipal de promocionar a participación e integración dos diferentes colectivos, nun trato de igualdade non exento de consideración ás peculiaridades de cada un.

Este acordo únese a outras colaboracións do Concello coa asociación, á que lle cederá as instalacións da antiga Escola de Villestro para que traslade alí o seu Centro de Día. ASPANAES conta na actualidade con 146 familias inscritas. En Santiago hai uns 48 nenos no Colexio e uns 12 usuarios no Centro de Día. E, fronte ás dificultades que para as familias supón a detección do Trastorno de Espectro Autista, Antonio de la Iglesia lembrou que tamén dispoñen dun centro de diagnóstico.

ASPANAES está a desenvolver actividades de promoción social e desenvolvemento comunitario, encamiñadas basicamente a responder ás necesidades dos nenos e nenas, mozos e adultos con autismo e outros trastornos xeneralizados do desenvolvemento, a través de actividades asistenciais, educativas, recreativas, culturais, deportivas e laborais. Tamén mediante a promoción, creación, organización e patrocinio de centros de diagnóstico e avaliación, unidades de atención especializada, investigación e experimentación, centros de terapia, residencias, centros de día, centros ocupacionais, centros de traballo e outros.

Compartir: