ACCIÓN CULTURAL

"De lugares e órganos" programa este martes un itinerario por distintos órganos da cidade

21/03/2016 De lugares e órganos, o programa de música e outras paisaxes de Compostela que organiza a Concellaría de Acción Cultural para esta Semana Santa, organiza na xornada deste martes 22 un itinerario por diversos órganos da cidade. A saída será ás 16:30 horas da igrexa da Universidade ou da Compañía e, ademais do órgano desta igrexa, tamén se visitarán os de San Francisco e das Ánimas. A actividade repetirase o sábado 26 a partir das 11:00 horas e o grupo será dun máximo de 50 persoas.

As entradas para a actividade son de balde previa retirada de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18:00 a 21:00 horas. De non esgotarse, tamén se poderán recoller o propio día da actividade no lugar de celebración da mesma dende 1 hora antes do seu comezo. As invitacións serán válidas ata 10 minutos antes do inicio da actividade e a partir dese momento, a organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas.

Para descubrirmos os vestixios dunha frutífera actividade arredor do órgano na cidade de Compostela e o rico legado organístico que aínda se conserva nela, De lugares e órganos propón unha serie de itinerarios nos que se percorrerán algúns dos órganos que integran estas descoñecidas paisaxes.

Nesta edición comezarase por tres órganos que abranguen diferentes épocas e estilos: os órganos das igrexas da Compañía, de San Francisco e das Ánimas. Durante o percorrido poderanse ver moi de preto estes instrumentos e aprender cousas sobre os seus construtores, estilos e a época na que foron construídos pero, sobre todo, poderase escoitar tamén o seu son e entender así mellor a maxia e segredos destes poderosos instrumentos.

Órganos e organería en Compostela
Pódese afirmar de xeito documentado que, dende principios do século XVI, a cidade de Compostela foi o máis importante centro de construción de órganos e de formación de organeiros do noroeste peninsular. Probablemente esta actividade viñera xa sendo realizada na cidade dende a baixa Idade Media, pois sabemos que a Catedral e algún outro templo contaban con órgano, e mesmo que algún mestre local foi construír instrumentos fóra, como é o caso de Alfonso Gondissalbo que, en 1414 constrúe un instrumento para a Catedral de Barcelona. A razón da profusión destes artesáns na cidade era a existencia de numerosos clientes aos que atender. O primeiro deles, dende logo, a Catedral e a súa fábrica, pero tamén os numerosos conventos e igrexas da cidade. Por esta causa hoxe en día a cidade alberga aínda 16 órganos, en estados diversos de conservación.

Nas proximidades da cidade tamén atopamos algúns instrumentos interesantes que foron fabricados por mestres composteláns, como na vila de Padrón. Todos estes instrumentos, e outros moitos espallados por Galicia e mesmo fora dela, son testemuña da importante actividade organeira que, dende Compostela, se desenvolveu ao longo de varios séculos, e que se tentará descubrir a través destes itinerario.

Direccións relacionadas



Compartir: