MEDIO AMBIENTE

Comezan os roteiros guiados polos parques de Santiago de Compostela

21/03/2016 Hoxe celébrase o Día da Árbore, e esta mañá comezaron os roteiros guiados polos parques de Compostela cos que a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia conmemora esta efeméride, en colaboración co Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago. As primeiras visitas estiveron moi concorridas, sobre todo a realizada na Alameda, na que participou o concelleiro Xan Duro.

Os roteiros guiados polos parques da Alameda, Eugenio Granell e Finca de Vista Alegre estiveron hoxe abertos ao público en xeral, en tres quendas: 10:00, 12:00 e 16:30. A semana que vén, do 28 de marzo ao 1 de abril, repetiranse as visitas nas tres quendas, pero para o público escolar. Todas as prazas están xa cubertas.
O obxectivo desta actividade é poñer en valor o patrimonio natural de Compostela, unha cidade que, como lembrou o concelleiro de Medio Ambiente, "ten máis de 20 metros cadrados de zona verde por habitante, unha das proporcións máis altas do Estado".

Animación no CIAC
Na programación deseñada pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia para celebrar o Día da Árbore tamén colabora o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, en Belvís. O CIAC ofertará na fin de semana actividades para o público familiar. No sábado 2 de abril, o CIAC será escenario do espectáculo Caramulo, o xinete das árbores, a cargo do contacontos Anxo Moure. A montaxe está pensada para nenas e nenos, que poderán descubrir os segredos das árbores dun xeito divertido. Para o domingo 3 de abril está previsto un obradoiro sobre bioindicadores ambientais nas árbores.

Compartir: