CONVIVENCIA

Os Bombeiros de Santiago superaron o ano pasado o milleiro de intervencións

21/03/2016 Os Bombeiros de Santiago realizaron o ano pasado 1.062 saídas, 86 máis que en 2014. A maioría das intervencións, 443, estiveron relacionadas con labores de vixilancia e prevención, e dúas das saídas foron ao concello de Teo. Así se recolle no balance de 2015 que hoxe presentaron o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e o xefe do Servizo de Extinción, Xesús Martínez.

Das 1.062 saídas realizadas en 2015, 31 foron por avisos falsos, e 21 non requiriron finalmente intervención. En canto aos motivos das saídas, por detrás dos labores de vixilancia e prevención sitúanse a limpeza de calzadas, con 180 intervencións, e os incendios urbanos, con 82. No capítulo de lumes, os Bombeiros de Santiago tiveron que atender o ano pasado 37 incendios forestais, 34 incendios de contedores, 14 de vehículos, 10 de matogueiras e 9 industriais. Tamén apagaron 4 incendios rurais, outros tantos de camións e un incendio dun autobús.

En canto aos motivos das saídas dos Bombeiros, tamén destacan as inundacións, con 44 intervencións; as caídas de árbores, con 37; os rescates de persoas, con 28 saídas, e os rescates de animais, con 23. En canto a accidentes de tráfico, o ano pasado foi necesaria a presenza dos Bombeiros en 13 sinistros.

O xefe do corpo salientou que cada vez a súa intervención é menos requirida para rescatar vítimas, e máis para limpeza de calzadas. Xesús Martínez explicou que "isto ten que ver coa baixada dos accidentes de tráfico e coa súa menor gravidade, grazas a medidas como a reforma do Código Penal, o carné por puntos ou as campañas de prevención".

Os Bombeiros tamén tiveron que intervir ao longo do ano pasado por outros motivos dispares, como a apertura de portas ou ascensores, a limpeza de fachadas, o saneamento de tellados ou a medición de gas.

Por meses, o de maior actividade en 2015 foi outubro, con 137 saídas, seguido de novembro con 104 e xuño con 100. Pola contra, o mes máis relaxado para os Bombeiros composteláns foi febreiro, con 58 intervencións. Por horario, a maioría das saídas concéntranse na franxa das 22:00 horas, con 296, seguida polas 23:00 horas, con 190 saídas. Xesús Martínez explicou que isto se debe a que os Bombeiros utilizan esas horas para levar a cabo labores de prevención e revisión de rúas en obras para comprobar a súa accesibilidade en caso de emerxencia.

Dende 2009 a 2015, os Bombeiros de Santiago realizaron un total de 7.367 intervencións, das que 7.325 foron no ámbito municipal de Compostela. Ademais, nos últimos sete anos sumaron 16 saídas ao concello de Ames, 10 ao de Teo, 7 ao municipio do Pino e 3 ao de Boqueixón. O Servizo de Extinción de Incendios de Santiago actuou dúas veces en Brión e en Val do Dubra, e nunha ocasión en Vedra e Padrón.

Documentos relacionados



Compartir: