MEDIO AMBIENTE

Compostela súmase á Hora do Planeta

18/03/2016 O Concello de Santiago, a través da concellería de Medio Ambiente e Convivencia, vaise sumar este sábado á celebración da Hora do Planeta, unha campaña de WWF concibida como un xesto simbólico para loitar contra o cambio climático.

A campaña comezou en 2007 en Australia, e a día de hoxe xa está convertida na maior iniciativa de mobilización ambiental, na que millóns de persoas piden a implicación do conxunto da sociedade contra o cambio climático. Para iso, particulares e institucións están chamadas a apagar as súas luces mañá, 19 de marzo, dende as 20:30 horas ata as 21:30.

O Concello de Santiago vaise sumar á campaña deixando a escuras, durante ese tempo, tres das súas prazas máis emblemáticas: o Obradoiro, Praterías e Cervantes.

Luz azul pola Síndrome de Down
Ademais de celebrar a Hora do Planeta, o Concello de Santiago vai conmemorar o próximo luns o Día Mundial da Síndrome de Down, respondendo ao chamamento de Down Galicia de iluminar de azul os principais monumentos da comunidade. Por iso, o Pazo de Raxoi tinguirase de azul durante esa xornada.

Esa mesma iniciativa repetirase o 2 de abril, Día Mundial do Autismo.

Compartir: