ACCIÓN CULTURAL

Vox Stellae inaugura este domingo "De lugares e órganos" cun concerto na igrexa de San Paio de Antealtares

18/03/2016 De lugares e órganos, o programa de música e outras paisaxes de Compostela que organiza a Concellaría de Acción Cultural para esta Semana Santa, inaugurase este domingo, día 20, cun concerto de Vox Stellae. Será a partir das 20:30 horas na igrexa de San Paio de Antealtares co programa María Magdalena. Cinco escenas musicais da súa vida. O programa continúa luns con Constrúe o teu propio tubo, un obradoiro de organería para crianzas na igrexa da Compañía ou da Universidade.

A controvertida figura da Magdalena é o pretexto que da pé a un suxestivo programa, que ilustra musicalmente diferentes momentos da vida desta muller, seguidora de Cristo e apostola apostolorum (apóstola de apóstolos), dende as primeiras informacións bíblicas da pecadora que unxe os pés de Xesús, ata o episodio da recepción da nova da Resurrección e o seu posterior retiro a unha vida exemplar de meditación. As músicas de Guerrero, Andrea Gabrieli, Morales ou Cabezón servirán, entre outras, para ilustrar este retrato sonoro, ofrecendo unha completa semblanza arredor do mito da Magdalena, que tan presente estivo ao longo da historia da arte, da música e tamén da literatura, como ben poderemos comprobar ao longo do concerto.

Vox Stellae é unha das formacións corais galegas de máis fonda traxectoria, cun repertorio que abarca dende os repertorio antigos ata a música galega dos arquivos das catedrais, a creación contemporánea e a música popular. Concertos ao longo de toda a xeografía galega e no resto da Península, colaboracións con reputadas formacións e solistas e a edición de dous discos, un deles galardoado con premio Melómano de Ouro, en 2015, dan unha pequena mostra do traballo desenvolvido ao longo dos case quince anos da súa existencia.

Obradoiro de organería para crianzas
Constrúe o teu propio tubo e o título do obradoiro que se desenvolverá o 21 de marzo, con dous grupos: un de 12:00 a 14:00 e outro de 17:00 a 19:00 horas. Está dirixido a nenas e nenos de 6 a 12 anos e a capacidade máxima de cada obradoiro é de 18 persoas.

Esta actividade pretende ensinar aos nenos e nenas que é un órgano, como funciona e a terminoloxía básica asociada ao instrumento: que é un tubo, o fol, os rexistros..., para logo construír un pequeno tubo de órgano de madeira e iniciarse así no apaixonante e descoñecido mundo da organería e dos oficios relacionados cos órganos. Como complemento á actividade proponse unha visita guiada por un órgano e as súas partes, diferentes xogos de discriminación auditiva, incluso a posibilidade de poñerse á fronte do instrumento e facelo sonar.

Ademais, contaremos coa escritora e contacontos, Charo Pita, que será a nosa anfitrioa, e nos fará partícipes dun divertido relato que terá ao chamado rei dos instrumentos e a súa música como protagonistas.

De balde
As entradas para as actividades e concertos son de balde previa retirada de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18:00 a 21:00 horas. De non esgotarse, tamén se poderán recoller o propio día da actividade no lugar de celebración da mesma dende unha hora antes do seu comezo. As invitacións serán válidas ata 10 minutos antes do inicio da actividade. A partir dese momento, a organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas.

Direccións relacionadas



Compartir: