CONVIVENCIA

A Concellaría de Convivencia non autorizará a celebración de festas se as solicitudes non cumpren todos os requisitos de seguridade

18/03/2016 A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia non autorizará a celebración da II Festa da Xuventude da Pontepedriña ata que os seus organizadores entreguen toda a documentación esixida por lei. O edil Xan Duro insistiu en que "o Concello non pode prevaricar e incumprir a normativa, e ten o deber de vixiar polos intereses do conxunto da veciñanza".

A celebración deste tipo de festexos está regulada pola Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade económica de Galicia. Esta normativa autonómica sinala, no seu artigo 41, cales son as actividades sometidas a licenza ou autorización, entre as que se atopan "a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas que se desenvolvan en establecementos públicos cunha capacidade superior a 500 persoas ou que presenten unha especial situación de risco", así como "a celebración de espectáculos e actividades extraordinarias e, en todo caso, os que requiran a instalación de escenarios e estruturas móbiles".

No artigo 42 da mesma Lei sinálase que os responsables da organización do espectáculo público ou actividade recreativa deberán presentar unha solicitude de licenza perante o Concello na que se inclúa diferente documentación, entre estaa un "Plan de emerxencia, plan de autoprotección, memoria de mobilidade ou estudo de avaliación da mobilidade xerada, estudo de impacto acústico e dispositivo de asistencia sanitaria".

No caso da II Festa da Xuventude da Pontepedriña, os organizadores presentaron a solicitude no rexistro municipal o 16 de febreiro de 2016, despois de ter celebrado varias reunións cos técnicos municipais e co concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia dende o pasado mes de novembro.

O 25 de febreiro de 2016 comunicouse a denegación da autorización para a celebración do evento, explicando que a solicitude presentada non cumpre a norma en varios aspectos:

- Non se identifica a persoa que actúa en representación da entidade promotora.

- O proxecto técnico ten unha serie de carencias substanciais, como o feito de que non se adxunta o plano detallado no que se pretende levar a cabo a actividade.

- Non se presenta plan de emerxencia nin de autoprotección, nin memoria de mobilidade nin avaliación da mobilidade xerada, nin estudo de impacto acústico nin dispositivo de asistencia sanitaria.

Dende o 25 de febreiro ata o 18 de marzo, os organizadores non fixeron ningún intento por subsanar as deficiencias da súa solicitude, e o Concello mantén que a II Festa da Xuventude da Pontepedriña non será autorizada ata que se entregue toda a documentación e se comprobe que está perfectamente realizada, porque o Concello ten a obriga de cumprir e de facer cumprir a lei autonómica.

Ademais, un grupo de 40 veciños da Pontepedriña rexistraron no Concello unha queixa polas festas continuadas que se celebran ao pé das súas casas, e que non teñen arraigo no barrio, e denunciando os actos vandálicos que adoitan acompañar estes festexos. Nestes sentido, a propia Policía Local realizou advertencias sobre os problemas rexistrados na primeira edición da Festa da Xuventude, na que se incumpriron todas as normas de seguridade, horarios, ruídos e consumo de alcohol na vía pública.

Compartir: