TURISMO

As cidades Patrimonio da Humanidade, no Salón Internacional de Turismo de París

18/03/2016 Santiago de Compostela e o resto de cidades Patrimonio da Humanidade continúan a súa intensa promoción en Europa de acordo ao seu Plan Operativo de Turismo 2016. Desta forma, dende este xoves e ata o domingo, o Grupo está presente no Salón Internacional de Turismo de París, a feira da industria turística máis importante de Francia.

O Salón Internacional de Turismo de París celébrase no Parque de Exposicións da Porta de Versalles do 17 ao 20 de marzo e reúne nun mesmo espazo recursos e servizos para touroperadores, maioristas e medios de comunicación de Francia e do seu ámbito de influencia, ademais de público en xeral que busca un destino para as súas vacacións.

O evento espera reunir máis de 550 expositores, tanto franceses como estranxeiros, que terán a posibilidade de interactuar con organismos oficiais de turismo, aloxamentos, touroperadores, axencias maioristas e minoristas, e con empresas turísticas de diferentes países. Na anterior edición do Salón Mundial de Turismo de París rexistrouse un total de 109.000 visitantes, entre eles 2.500 profesionais do sector, 600 medios de comunicación internacionais e 800 estudantes e profesores.

O Grupo de Cidades Patrimonio de la Humanidade de España está presente na feira cun mostrador propio dentro do stand de Turespaña, no que se informa da oferta das 15 cidades e se proporciona material de promoción destes destinos culturais, cada vez máis demandados polos viaxeiros franceses nas súas viaxes a España para estancias de ocio e de aprendizaxe do español.

O mercado emisor francés
Francia foi o terceiro mercado emisor internacional para España en 2015, tras Reino Unido e Alemaña, por número de turistas e por gasto, con 11 millóns de visitantes. Como mercado emisor internacional cara a España en 2014 e 2015, España é o destino internacional preferido dos franceses, seguido de Marrocos e Italia, contribuíndo a esta elección o clima, proximidade xeográfica e facilidade de acceso, oferta complementaria de sol e praia e cultural, e seguridade. As actividades preferidas dos franceses en España son: cultura, visitas a familiares, diversión, gastronomía, deporte e visitas a parques temáticos.

Compartir: