XUNTA DE GOBERNO

O Concello abrirá temporalmente a Casa da Xuventude aos colectivos cidadáns

18/03/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a reversión ao Concello da Casa da Xuventude, que viña utilizando a Xunta. Era o primeiro paso necesario para poñer en marcha o proceso de recuperación do edificio e do contorno da Praza do Matadoiro.

O alcalde explicou que o Concello está a manter contactos con distintos colectivos veciñais e sectoriais para analizar o uso que terá o inmoble. Martiño Noriega apuntou que "nunha primeira fase, a Casa da Xuventude abrirase a estes colectivos, para que o utilicen baixo un modelo tutelado de autoxestión". Para iso, o edificio será sometido a uns arranxos iniciais, que poderían estar rematados a finais da primavera, e que teñen como obxectivo reparar algunhas deficiencias menores.

Segundo o calendario esbozado polo alcalde, "xa no outono definiranse os usos definitivos do inmoble, e os arranxos necesarios para que o inmoble poida cumprir a función que se decida". Será entón cando se defina tamén a apertura da Praza do Matadoiro ao Parque de Belvís.

Nova escola infantil autonómica
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a cesión ao Consorcio Galego de Benestar dunha parte segregada dunha parcela de titularidade municipal do SUNP-13 do Castiñeiriño, para a construción dunha escola infantil autonómica. O centro será construído pola Fundación Amancio Ortega, e terá cando menos 6 unidades e 80 prazas.

Segundo o acordo, as obras de construción deberán comezar nun prazo de seis meses dende a obtención das licenzas necesarias, e deberán estar rematadas no prazo dun ano desde o inicio dos traballos. En todo caso, a escola deberá estar rematada o 30 de marzo de 2018, para entrar en funcionamento en setembro de 2018.

O alcalde explicou que o próximo paso antes de executar o proxecto será a sinatura dun convenio entre o Concello, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Solicitude de subvencións e proxectos europeos
Relacionado coas escolas infantís, a Xunta de Goberno acordou solicitar unha subvención á Consellería de Políticas Sociais, para o financiamento das escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas, e Meixonfrío-Salgueiriños. A achega que se solicita é de case 370.000 euros, dun orzamento total de 740.000. O resto do gasto das escolas infantís é asumido polo Concello.

Ademais, a proposta da concellería de Políticas Sociais, o Goberno local vai solicitar o financiamento para Servizos Sociais comunitarios básicos, por unha contía de algo máis de un millón de euros. O Concello aportaría os 900.000 euros restantes.

Na Xunta de Goberno de hoxe tamén recibiu luz verde a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña, para o mantemento do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche no ano 2016. O organismo provincial podería aportar ata 125.000 euros, dun gasto total de 180.000.

O Executivo tamén aprobou a solicitude de financiamento para dous proxectos europeos. O máis importen deles é o GREEN4HOPE, un programa que aborda a pobreza urbana dende a óptica ecosocial. As accións previstas están orzamentadas en 6,2 millóns de euros, e a achega europea podería chegar aos 5 millóns de euros. Nesta iniciativa, o Concello conta coa colaboración da Universidade de Santiago, ASPAS, COGAMI e a Plataforma polo Emprego.

O segundo dos proxectos europeos abordados na Xunta de Goberno de hoxe é o Urban Green Labs, un programa de intercambio e aprendizaxe para promover o desenvolvemento urbano sostible. Neste caso, o orzamento do proxecto é dalgo menos de 70.000 euros, e o 70% procedería de fondos europeos.

Fase III de Vista Alegre
O alcalde informou ademais da celebración, esta semana, dunha Xunta de Goberno extraordinaria na que se aprobou a licitación da Fase III das obras de Vista Alegre. O orzamento previsto para esta actuación é de 733.000 euros, e o prazo de execución é de 5 meses. Martiño Noriega explicou que o Executivo quixo axilizar os prazos para poder contratar as obras tan pronto estean aprobados definitivamente os orzamentos municipais de 2016.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: