FACENDA

O Concello adhírese ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña

18/03/2016 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, explicou esta mañá que o Concello de Santiago vén de adherirse ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña, que permitirá reducir o endebedamento de forma anticipada en aproximadamente medio millón de euros.

O Concello recibirá a mediados deste ano 2016 case 500.000 euros do ente provincial, que teñen un prazo de devolución de 10 anos, unha carencia de 2 e un interese cero. María Rozas entende que "se trata dunha operación cunhas condicións moi vantaxosas que permitirán aforrar medio millón de euros no apartado de amortización de débeda dos orzamentos deste ano, que se poderán dedicar a outros proxectos".

O PAI leva xa dúas edicións, aínda que o Concello de Santiago decidiu non presentarse o pasado exercicio e faino por primeira vez neste ano 2016. Está previsto que a Deputación ingrese eses 494.403,39 euros no mes de xuño, cando "procederemos a modificar o orzamento". Rozas destacou que "se non o incorporamos inicialmente no orzamento de 2016 foi por prudencia".

80.000 euros de aforro
O Plan de Aforro e Investimento ao que acaba de adherirse o Concello permitirá aforrar ademais 80.000 euros en xuros dunha débeda a escoller polo Departamento de Facenda do Concello. María Rozas explicou que "escollemos unha das máis antigas que ten o Concello e que leva consigo uns intereses moi elevados". Trátase dunha débeda que data de 1997, cando o Goberno municipal pediu 32 millóns de euros, dos que quedan 5 por amortizar.

Este Plan permitirá reducir a carga de débeda que o Concello debe asumir este ano e que ascende a 9,8 millóns de euros e permitirá facelo cunhas condicións moi vantaxosas. En total, a débeda de Santiago ascende a 42.630.055 euros, cifra inferior á media das cidades galegas.

Compartir: