CASCO HISTÓRICO

Compostela contará cunha guía para preservar as obras de arte do Casco Histórico dos incendios

24/10/2006 A concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón; o concelleiro de Seguridade cidadá, Xosé Baqueiro, e o xefe de Bombeiros, Cesáreo Rey, participan en Cuenca no Congreso de protección contra incendios nas cidades Patrimonio da Humanidade, organizado pola Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros. Deste encontro, no que participan as trece cidades españolas con esta denominación, sairá a "Declaración de Cuenca", que recollerá as conclusións deste congreso.

Este documento pretende ser unha guía de referencia para tódalas cidades do mundo para protexer o seu patrimonio histórico contra o risco de incendios. Abordará temas tan importantes coma o urbanismo, o abastecemento da auga, a accesibilidade, a catalogación de bens a protexer, a detección de incendios, a transmisión da alarma e a intervención dos servizos de emerxencia.

O Congreso, que se celebrará ata o mércores 25 de outubro, xurdiu a raíz do incendio do Palacio Episcopal da cidade canaria de La Laguna, unha construción barroca do século XVII que quedou destruída. Santiago tamén ten un exemplo recente de afectación do patrimonio polo lume, coa queima dun Cristo do século XVII no mosteiro de San Paio de Antealtares.

Para evitar este tipo de sucesos, que une a responsables das trece cidades con expertos internacionais na materia, coma Doménico Giani, director da Dirección do Servizo de Seguridade e Protección Civil da Cidade do Vaticano; Tom Carroll, da Cambridgeshire Fire Brigade; Joao Hipólito, da Dirección Xeral de Edificios e Monumentos en Portugal; ou Steve Emery, consultor de incendios do Patrimonio Británico.

Compartir: