MEDIO AMBIENTE

A Concellaría de Medio Ambiente celebra o Día da Árbore con roteiros guiados polos parques de Santiago de Compostela

16/03/2016 A Concellaría de Medio Ambiente preparou un programa de roteiros guiados polos parques de Santiago para celebrar o Día da Árbore. Haberá visitas para o público en xeral e para os centros de ensino, en colaboración co Museo de Historia Natural e o CIAC acollerá actividades de divulgación para o público familiar. En Compostela hai preto de 23.000 árbores en zonas verdes e 7.200 en alcorques.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou as actividades coas que o seu departamento vai celebrar o Día da Árbore, que se conmemora o 21 de marzo. Fíxoo acompañado dos representantes das entidades que colaboran no programa: a directora do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago, Mabel Fraga; a responsable de Feitoría Verde, a empresa que xestiona o Centro de Interpretación Ambiental de Belvís, Paula Lubián; e o técnico de Ferrovial Luis Incera.

Roteiros guiados
A primeira das actividades para celebrar o Día da Árbore serán roteiros guiados, que o Concello organiza en colaboración co Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago. As visitas están pensadas tanto para o público xeral como para os centros de ensino. As primeiras terán lugar no propio 21 de marzo, mentres que os roteiros cos escolares desenvolveranse do 28 de marzo ao 1 de abril.

Os roteiros guiados chegarán a tres dos parques máis emblemáticos de Compostela: a Alameda, a finca de Vista Alegre e o parque Eugenio Granell. Durante as visitas os participantes poderán coñecer a historia destes espazos, os efectos da intervención do home e, sobre todo, as especies arbóreas que se poden atopar en cada un deles. Así, na Alameda prestaráselle especial atención á Carballeira de Santa Susana e ás árbores máis senlleiras do parque, como o Abeto Perona (plantado por Eva Perón en 1947), os eucaliptos do Paseo da Ferradura (duns 130 anos de idade) ou o tileiro prateado (de máis de 100 anos).

No caso da Finca de Vista Alegre, Mabel Fraga explicou que a visita permitirá coñecer en profundidade "un parque singular porque era unha finca familiar e por iso mestura a zona de carballeira coas especies froiteiras, e tamén porque alberga edificios singulares como o propio Museo de Historia Natural". Por último, no parque de Eugenio Granell, un dos máis novos e extensos de Compostela, os roteiros permitirán descubrir as carballeiras e os bosques da ribeira, cos seus salgueiros, ameneiros e bidueiros.

Os roteiros guiados para o público xeral serán o 21 de marzo en tres quendas: 10 e 12 da mañá, e 16.30 da tarde. Para os centros de ensino, as visitas serán do 28 de marzo ao 1 de abril, en horario de 10 ou 12 horas. As reservas pódense facer na páxina web www.usc.es/museohn ou no teléfono 881816 350. A directora do Museo de Historia Natural explicou que no caso dos escolares xa se rexistraron 850 reservas, que enchen 21 das 30 quendas previstas para os roteiros. Por iso, Mabel Fraga non descartou ampliar a oferta de roteiros.

Animación no CIAC
Na programación deseñada pola concellería de Medio Ambiente e Convivencia para celebrar o Día da Árbore tamén colabora o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, en Belvís. Paula Lubián, responsable da empresa que xestiona o CIAC, Feitoría Verde, explicou que o Centro optou por ofrecer unha fin de semana de actividades para o público familiar. No sábado 2 de abril, o CIAC será escenario do espectáculo "Caramulo, o xinete das árbores", a cargo do contacontos Anxo Moure. A montaxe está pensada para nenas e nenos, que poderán descubrir os segredos das árbores dun xeito divertido. Para o domingo 3 de abril está previsto un obradoiro sobre bioindicadores ambientais nas árbores.

Colaboración de Ferrovial
A empresa encargada do mantemento das zonas verdes de Compostela, Ferrovial, colabora economicamente coa celebración do Día da Árbore, ademais de facilitar que se fagan pequenas plantacións ao remate dos roteiros guiados polos parques. O técnico da compañía, Luis Incera, sinalou que Ferrovial tamén ten previstas actividades para a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, en maio.

Incera lembrou que en Compostela temos 22.700 árbores en zonas verdes, e máis de 4.000 en carballeiras. Ademais, Ferrovial encárgase do mantemento das 7.200 árbores plantadas en alcorques na zona urbana e, de feito, ten previsto repoñer 300 ao longo deste mesmo mes. Segundo apuntou, as árbores en alcorques teñen un maior nivel de mortandade "porque teñen un espazo limitado, están en zonas de maior contaminación, e para o tratamento das pragas que lles afectan non se poden utilizar produtos fitosanitarios que poidan ser contaminantes".

Día Mundial da Árbore
A proposta da Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), o 21 de marzo foi declarado Día Mundial da Árbore ou Día Internacional dos Bosques. O obxectivo é concienciar á sociedade sobre a importancia das árbores e dos bosques para a vida do noso planeta. O concelleiro de Medio Ambiente explicou que os parques "son os pulmóns da cidade, e cumpren funcións ambientais, sanitarias, sociais, históricas e culturais". Xan Duro incidiu en que as zonas verdes "contribúen a manter e mellorar a biodiversidade, reducen a polución atmosférica e o ruído, e favorecen o benestar físico e mental da cidadanía". Ademais, son espazos de lecer e de convivencia e forman parte da historia de Compostela e do seu patrimonio cultural.

Compartir: