ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

O alcalde e a concelleira de Políticas Sociais visitan as dependencias de Cruz Vermella

16/03/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, acudiron á sede de Cruz Vermella para coñecer os programas de traballo que desenvolven dende a entidade. A delegada territorial de Cruz Vermella e presidenta en Santiago, Mercedes Casanovas, agradeceu a presenza do rexedor e a concelleira e achegoulle as demandas de cara a este 2016.

Para este ano, a liña de actuación e colaboración entre o Concello e a entidade profundízase cun convenio de 50.000 euros que servirá para seguir traballando no programa de atención a persoas sen teito da cidade mediante o programa de pensións e o equipo de rúa. A concelleira de Políticas Sociais quixo destacar "o gran traballo que fan este tipo de entidades, cunha traxectoria tan profesionalizada na atención a persoas en dificultades"

Programas sociais
Cruz Vermella Santiago axuda a un total de 280 familias da cidade ofrecendo recursos básicos, vales de hixiene e alimentación, etc. Ademais desenvolven diversos programas sociais entre os que destacan o de socorro e emerxencias, o de promoción do voluntariado ou o programa de teleasistencia e acompañamento a persoas maiores no fogar en situación de dependencia.

Nos próximos dous anos porase en marcha un programa de emprego que redundará nas persoas que máis dificultades teñen en acceder a un posto de traballo.

Compartir: